Na Semana das Letras, o ciclo de cinema en aberto ‘Carteleira G’ presenta cinco películas baseadas en textos de autores galegos

0
7

Santiago, 14.05.2020.-    Na Semana das Letras, o ciclo de cine galego en aberto ‘Carteleira G’, que cada xoves ofrece un novo pack de películas na web da CRTVG, propón para os vindeiros días cinco longametraxes baseadas en textos de autores galegos.

A primeira delas é ‘A Esmorga’ (Ignacio Vilar, 2014). Despois de que o intentasen antes, sen éxito, outros directores galegos -entre eles Eloy Lozano, que non chegou a un acordo con Eduardo Blanco Amor en 1977-, finalmente Ignacio Vilar conseguiu levar ao cinema desde Galicia -antes, Gonzalo Suárez filmou ‘Parranda’ (1977) en Asturias- a que, segundo moitos estudosos, é considerada a novela galega e en galego máis importante da segunda metade do século XX. A rodaxe utilizou exteriores naturais de Ourense,  onde se ambienta o texto literario, e contou cun trío de actores en estado de graza para dar vida a tres personaxes inmortais: Miguel de Lira como Cibrán, Antonio Durán ‘Morris’ como Milhomes e Karra Elejalde como Bocas. A película gañou moitos premios, pero o principal foi a resposta do público nas salas galegas, convocando case 50.000 espectadores.

Tamén figuran na proposta de ‘Carteleira G’ para esta semana dúas películas baseadas en novelas de Manuel Rivas, que no seu momento tiveron un grande éxito no despacho de billetes. A primeira delas foi ‘A lingua das bolboretas’ (José Luis Cuerda, 1999). Centrada na difícil aprendizaxe dun neno en tempos de odio e violencia, gañou un Goya ao mellor guión pola magnífica adaptación do mestre Rafael Azcona, habitual colaborador de Berlanga. Inesquecibles son as interpretacións de Fernando Fernán Gómez como o nobre mestre castigado polo fascismo e luminoso é o debut do neno Manuel Lozano no papel do seu tenro alumno.

Tamén co escenario da Guerra Civil, ‘O lapis do carpinteiro’ (Antón Reixa, 2002) confronta dous personaxes antagónicos nos primeiros días do golpe militar. Un é un médico ‘dos pobres’ metido na convulsa política de 1936 -baseado nun personaxe real- e o outro é a súa contrafigura, un garda civil obsesionado coa bondade do médico. Tristán Ulloa, actor vigués residente en Madrid, e Luís Tosar danlles vida a estes poderosos personaxes. Entre o resto do elenco sobresaen Nancho Novo, María Adánez, Luís Zahera, Santi Prego e Carlos Blanco, que interpreta un pintor que en realidade é Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo, fusilado polos rebeldes.

Outro dos títulos do ciclo que comeza hoxe é ‘Doentes’ (Gustavo Balza, 2010). Baseado  nun texto teatral de Roberto Vidal Bolaño, principia na tarde en que se desaloxa o Hospital Real de Santiago de Compostela para comezar as obras como hotel de luxo. Así, rematan na rúa diante dunha noite incerta un feixe de enfermos e esmoleiros. A historia céntrase en dous destes parias, buscándose a vida polos recunchos dun relato ‘picaresco’ de influencias ‘valleinclanescas’, en que brillan Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ e Antonio Durán ‘Morris’, nos papeis dun falso ferido de guerra e un tísico aparentemente curto de ideas.

Finalmente, ‘Carteleira G’ porá a disposición dos usuarios de crtvg.gal ‘O bonito crime do carabineiro’ (Miguel Conde, 2009). Unha das primeiras ficcións literarias de Camilo José Cela, escrita nos anos 40, serve de base para esta tv-movie, que narra unha historia moi do gusto do autor de Iria Flavia, contada desde o faladoiro dun café e que vira ao redor das amizades perigosas mantidas entre un garda de fronteiras de Tui e un violento delincuente que quere roubarlles a unas ricas anciás. Toño Casais e Manuel Manquiña son o carabineiro e o delincuente e César Cambeiro, Laura Ponte, Paula Martins e Roberto Leal completan o elenco. O guión é do veterano director Mario Camus.

Fuente Crtvg.es