Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do Goberno, no ‘Bos días’: «Non vemos risco de espiral inflacionista, por iso pido un pacto sobre os salarios»

0
14

Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital visitou esta mañá o plató do ‘Bos días’ da TVG, no que foi entrevistada polo xornalista Fran López Iglesias.  Nesta xornada, na que vicepresidenta primeira do Goberno se reúne co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, Nadia Calviño explicou na TVG, entre outras cuestións, un asunto clave para a comunidade galega como é o reparto dos fondos ‘Next Generation’.

O primeiro tema do que se falou foi sobre as relacións comerciais con Alxeria. Sobre como se vai reconducir esa situación, Calviño destacou que «é moi lamentable ver esta reacción por parte dun dos nosos veciños, cos que hai que ter unha relación extraordinaria e temos todo o interese e estamos dispostos a reconducir esta situación». A ministra de Economía recoñeceu que é certo que as relacións comerciais non son nacionais, se non europeas, e que por iso «é moi lóxico que o ministro Albares estea hoxe en Bruxelas para ver como podemos encamiñar esta dirección. «O portavoz da Comisión Europea foi moi claro con Alxeria, pedindo que reconsidere a súa posición, que dea marcha atrás nas súas decisións e lamentando esta dinámica que non é positiva», subliñou Calviño.

Sobre se era necesario abrir «esa nova fronte» cambiando un criterio case histórico en relación co Sáhara Occidente, Calviño afirmou: «Temos que ter unha relación excelente con todos os nosos veciños e a ninguén lle escapa que onde está a fronteira sur de Europa é Marrocos, por iso hai que ter unha moi boa relación con Marrocos e con Alxeria».  «Sánchez xa o explicou no Congreso, estamos falando de conflitos que levan décadas e hai que intentar resolvelos e ter unha dinámica máis positiva en toda esa zona tan importante para o noso país», sentenciou a ministra de Economía.

En canto a que ninguén entende este cambio de postura do Goberno, Calviño manifestou que «as Nacións Unidas nomearon un novo comisionado especial para o tema do Sáhara Occidental e ábrese unha nova época en termos de poder encamiñar este conflito enquistado dende hai tanto tempo, e nós temos que unha relación excelente con Marrocos e Alxeria. Eu confío en que se reconduza a situación e canto antes teñamos a relación magnífica que temos que ter con nosos veciños».

Co IPC por riba do 8 %, Calviño afirmou que, no caso de España, o impacto máis directo da guerra é a inflación, situación que hai que tratar de parar. «Tomamos medidas importantes que están baixando os prezos entre dous e tres puntos, as medidas de baixada dos carburantes, a baixada da electricidade, imos seguir mantendo estas medidas e veremos se hai que adoptar novas medidas complementarias ou reaxustalas de maneira que sexan o máis eficaces posibles», manifestou a vicepresidenta primeira.

Sobre para cando a baixada do IPC, Calviño afirmou que a previsión é volver aos niveis máis normais o ano que vén e que na segunda parte do ano haxa unha desaceleración dos prezos. Destacou que hai dez países europeos cos prezos máis altos que España en termos de inflación. A ministra de Economía destacou que, polo de agora, «non vemos risco de espiral inflacionista como tivemos outras veces na nosa historia e non queremos volver a iso». Calviño destacou que ela é partidaria dun pacto de rendas e que a ver se agora que se vai moderar o prezo da electricidade, hai un incentivo máis para que patronal e sindicatos senten para acadar un pacto de carácter nacional.

Quixo mandarlles unha mensaxe aos maiores, dicindo que no ámbito das pensións «poden estar absolutamente tranquilos con respecto á súa revalorización».

Calviño afirmou que unhas das últimas veces que estivo en Galicia visitou Stellantis Vigo e que a sastisfai que presentara varios proxectos do vehículo eléctrico. «O plan de recuperación parece feito para Galicia, está orientado para os sectores onde esta comunidade ten unha posición moi forte. O agroalimentario, o naval, o aeroespacial, a economía circular, o vehículo eléctrico, ata a nova economía da lingua», dixo.

Cre que se as cousas se fan ben, Galicia pode ter un papel moi importante no plan de recuperación. Manifestou que hai bo diálogo coas comunidade autónomas e que Galicia participa en case todos os PERTE. Calviño quixo destacar que a metade das empresas galegas de entre 10 e 49 empregados pediron os bonos de dixitalización. «Co presidente da Xunta vou ver como podemos axudar a que se acelere a despregadura dos investimentos por parte da Xunta. Xa se lle transferiron preto de 900 millóns de euros», afirmou Calviño.

Sobre a decisión do BCE de deixar de comprar débeda pública, Calviño destacou que «levamos tempo preparándonos para isto e dende o Tesouro Público aproveitamos os anos dos tipos de xuro favorables para alongar a duración da nosa débeda ou baixar o tipo de xuro medio, as nosas condicións de financiamento son mellores que antes da pandemia».

En canto á Formación Profesional, a ministra destacou que «é a grande materia pendente de España» e que «por iso, para min, é un dos elementos máis importantes do plan de recuperación». Destacou que se van financiar máis de 200.000 prazas de FP para que ningún mozo quede sen ningún proxecto de futuro. «Investimos para que os nenos e os mozos teñan oportunidades, atopen un emprego de calidade e baixemos o paro xuvenil, que é unha das grandes lacras que arrastra España», destacou Calviño.

Para rematar, Nadia Calviño referiuse aos últimos casos de violencia machista e dixo que «é verdadeiramente arrepiante ver este tipo de situacións e que hai que erradicalas da nosa sociedade». Destacou que España cambiou durante estes últimos 40 anos e que lle preocupan os discursos que cuestionan a axenda feminista que permitiron crecer con forza. 

Fuente Crtvg.es