No Día da Muller, o especial ‘Re-coñeceas’ propón un paseo pola Galicia rural para homenaxear as ‘mulleres da bata’

0
10

Santiago, 08.03.2020.- No Día Internacional da Muller, a TVG ofrece esta tarde o especial ‘Re-coñeceas’ (15.30 h), en homenaxe ás mulleres do rural galego. Un programa co que se quere poñer en valor esas mulleres, que son a historia e a sabedoría dun pobo, capaces de traballar de sol a sol, de coidar da familia e mesmo de sacar adiante unha comunidade, con positivismo e dinamismo.

Como fío condutor, ‘Re-coñeceas’ contará co artista coruñés Yoseba Muruzabal, autor de numerosos murais creados nas fachadas de casas do rural, onde estas ‘mulleres da bata’, traballadoras incansables, con personalidades extraordinarias, foron retratadas ao máis puro estilo Marvel. Nas súas obras, Yoseba sintetiza o máis característico da vida destas donas, representándoas como as protagonistas dun cómic de superheroínas e destacando aquilo ao que se dedicaron durante toda a súa vida ou polo que son coñecidas.

Este especial indagará no que hai detrás destas obras de arte, como influíron estas representacións nas vidas destas mulleres, así como as impresións dos seus veciños. Para iso, coñeceranse algunhas das protagonistas dos murais de Yoseba, como é Carmen ‘A Zoca’, representada como a muller bivalvo nun mural en Arcade, quen traballou sempre no mar; Lola de Faya ‘O ciclón de Bruno’ loitou incansable por realizar o seu soño de ser oleira; Nieves, de Ponteceso, retratada con dúas compañeiras da súa brigada ‘As Cazamules’, que loita contra os incendios forestais, e María e Lelucha, ‘As Pandereteiras’.

Este 8 de marzo, a TVG proporá un paseo pola Galicia rural para enxalzar estas mulleres, que coas súas batas como insignia, son as superheroínas galegas.

Fuente Crtvg.es