No ‘Luar’ desta noite: a potente voz de Francisco e o emotivo flamenco do cantador Miguel Poveda

0
22

Santiago, 25.3.2022.-   Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández recibirán esta noite en ‘Luar’ (21.55 h) dous artistas moi destacados da música española. Por unha banda, o cantaor Miguel Poveda, que presentará os temas do seu último traballo, Diverso, toda unha viaxe musical e emotiva en que o artista explora sons máis alá do flamenco. E pola outra, o cantante valenciano Francisco, quen, cunha voz inigualable, celebra 40 anos de traxectoria artística ás súas costas.

As propostas da nosa terra virán da man de Los Jinetes del Trópico, cuxa música se caracteriza por fusionar os ritmos latinos cos tradicionais galegos. O grupo monfortino, formado por Antonio García, Xan Pérez e Fernando Estévez, presentará ‘Estreliña’, o primeiro tema do seu novo traballo discográfico, unha canción inspirada nun poema da mosense María Magdalena.

O grupo de pandeireteiros Os da porfía seguirá ambientando o programa coa ledicia característica coa que achega a música popular e o folclore galego. Do mesmo xeito, a banda de gaitas Suevia ofrecerá tamén os nosos sons tradicionais.

Amais, ao longo do espazo, a formación madrileña La Misión achegará diversión coa posta en escena das propostas musicais do seu espectáculo.

Por último, desenvolverase unha nova edición de ‘Recantos’, con Rubén Darío (Ourense central) e Celtia Buján (Terras de Lugo) en competición. Haberá humor con Campos e Crespo e o concurso telefónico do programa porá en xogo un bote acumulado de 9.500 euros.

Fuente Crtvg.es