Nova dobre entrega de ‘Saudade de ti’: Celia enfadada con Isidro e Raúl por ocultarlle a verdade sobre a agresión a Garay

0
32

Santiago.-06.08.2023. Nova entrega, de dous capítulos, da serie ‘Saudade de ti’ para este domingo. No primeiro, Celia non pode entender como Isidro e Raúl trataron de ocultarlle un asunto tan grave como a agresión a Garay. Por se non tivese suficientes problemas, a doutora tamén se ten que ocupar de atender a Álex, a nova residente que acaba de chegar ao centro de saúde. 

Belén segue vivindo na casa de Isidro, pero a tensión entre a parella é palpable. Ela teme que o sucedido co seu fillo acabe por pasarlle factura á súa relación e empeza a buscar outro sitio en que vivir. Teresa non quere ver a Belén polo bar. Elba tamén trata de esquecer a David, pero ten un atraso no seu período e iso pode significar que, antes de marchar, o mozo lle deixou un regalo de despedida. 

No seguinte capítulo desta noite, Celia non lle pode perdoar a Isidro nin a Raúl o que fixeron. Tanto o pai coma o mozo trataron de ocultarlle a verdade e agora pretenden que sexa ela a que decida quen queda no cárcere e asume as consecuencias dos seus actos. Pola súa banda, Mónica quere que Santi dea un paso adiante na relación sentimental que manteñen, pero o enfermeiro non está seguro de ir en serio como parella. 

Elba necesita saber se está embarazada de David, pero non pode mercar un test de embarazo porque a farmacéutica é amiga de súa nai. Ten que encontrar alguén de confianza que compre o test por ela. No piso, súa nai encontrou o diñeiro que David lle deixou a Elba para que vaia a Montevideo. A Teresa ocórreselle que pode utilizar eses cartos para os seus propios plans. 

Fuente Crtvg.es