Novo concerto do ‘Galicia Emerxe’, esta noite na G2, con Boyanka Kostova

0
14

Santiago, 17.02.2021.-  A G2 ofrece esta noite un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, con Boyanka Kostova como protagonista. O grupo, formado por Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (Chicho do Funk), experimenta con subxéneros do hip hop, que conectan co trap e coas músicas urbanas actuais, e onde sobresaen unhas letras repletas de retranca galega. Considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego, os espectadores poderán gozar dos seus ritmos hipnóticos e flow costumista a partir das 23.25 horas. Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h).

Boyanka Kostova, cuxo último traballo nas rúas é o álbum ‘Os dous de sempre’, onde conxugan trap e muiñeira, soará xunto a unha selección dalgúns dos seus temas máis coñecidos. No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de A Banda da Loba, Sés, Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es