Nuria Fergó e Café Quijano soben esta noite ao escenario de ‘Luar’ para interpretar temas dos seus últimos discos

0
32

Santiago, 05.05.2023.-    ‘Luar’ conta esta noite con Nuria Fergó, Café Quijano e Xil Ríos entre os artistas convidados. Estarán, coma sempre, acompañados da mellor representación do folclore e a verbena galega, entre outros artistas, coa orquestra Fortaleza.

‘Con permiso’ é o último traballo de Nuria Fergó, un dos rostros emblemáticos do programa ‘Operación Triunfo’. Tamén é o seu disco máis persoal, lanzado a finais do pasado ano. Versiona cancións emblemáticas en forma de rancheira, como ‘Bésame mucho’ ou ‘Fumando espero’, que interpretará no escenario do emblemático espazo da TVG. A propósito desta última peza, o programa que conducen Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández contará cun convidado moi especial, Zeus Montiel, fillo da cantante manchega Sara Montiel, que popularizara o tema.

Pola súa banda, os leoneses Café Quijano volven ao ‘Luar’ para presentarlle ao público galego o seu último disco, ‘Manhattan’, gravado en California, Miami e España, e que chega tras máis de dúas décadas de carreira do trío. Como curiosidade, contaron cos mesmos músicos cos que traballaran en 2001 no exitoso álbum ‘La taberna del Buda’.

Tamén estará este venres no escenario do musical Xil Ríos, cantautor, cantante e compositor, considerado unha lenda viva da cultura galega. Responsable de numerosos éxitos populares, no seu repertorio figuran algunhas das cancións máis populares da música galega contemporánea.

Outro galego que estará no escenario será Christián Pensado, que acaba de lanzar o videoclip de ‘La Bestia’, tema que interpretará esta noite.  Ademais, público e audiencia da Televisión de Galicia poderán gozar da actuación do cubano Johnny Vergara, que resucita clásicos do bolero, mentres a Asociación Cultural Axio Mouro compartirá a súa ‘Muiñeira faltriqueira’. E o humor poñerano esta noite Julito, Merche e Bego, e o dúo Campos e Crespo.

No concurso ‘Recantos’, subirán ao escenario Oliver Insua, pola Mariña, e Sarai López, por Terras de Lugo. Ademais, esta noite quedarán eliminados dous recanteiros.

Fuente Crtvg.es