O administrador único de Radio Televisión Canaria, Francisco Moreno, asume a presidencia da FORTA

0
10

Santiago, 14.07.2022.-    O administrador único de Radiotelevisión Canaria (RTVC), Francisco Moreno, foi elixido como novo presidente da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), da que forma parte a CRTVG, en substitución de Andoni Aldekoa, director xeral de EiTB.

Esta é a segunda vez que Moreno ocupa a presidencia deste organismo, responsabilidade que xa desempeñou en novembro de 2001, na súa anterior etapa como director xeneral de RTVC, cargo que ocupou entre maio de 2001 e xuño de 2005.

Francisco Moreno é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e a súa traxectoria profesional está vinculada fundamentalmente aos medios audiovisuais, en particular a TVE, Antena 3 TV e Radiotelevisión Canaria. En 2009 recibiu o Premio Talento Nacional da Televisión e, desde 2011, é membro da xunta directiva de Academia de Televisión e das Ciencias e Artes do Audiovisual, onde na actualidade desempeña a función de vicepresidente primeiro.

A Xunta Xeral da FORTA, que se reuniu este xoves en Santiago de Compostela co gallo do Xacobeo 21-22, destacou o labor desenvolvido nestes últimos seis meses por Andoni Aldekoa, director xeral de EITB, como presidente da entidade e incidiu na necesidade de que o seu sucesor continúe traballando en facer visible “o papel dos organismos públicos de radio e televisión autonómicos como garantes do Estado de dereito e como servizo público veraz e de calidade”.

No novo horizonte que afronta a FORTA nos próximos meses de presidencia de Francisco Moreno, atópanse retos como a convivencia coas plataformas de streaming, o proxecto de Lei Xeral Audiovisual, a transformación tecnolóxica da Federación ou a loita contra a desinformación e os bulos.

Fuente Crtvg.es