O ‘Aquí hai verán’ asiste ás festas de Ordes e do San Roque de Vilagarcía e comparte un día de viños por Lugo

0
17

Santiago, 23.08.2020.- Un domingo máis o ‘Aquí hai verán’ volve á TVG con ganas de amosar a ledicia que deixa o verán en Galicia. Un programa onde, a partir das 22.05 horas amosarase a festa e o divertimento que se atopa nos diferentes recunchos da nosa terra.

Nesta edición, ‘Aquí hai verán’ estará nas Festas de Santa María de Ordes, unha cita en que se atoparán pasarrúas, a actuación da banda de música de Ordes e moitas veciñas e veciños que gozaron dos días grandes do seu concello.

O espazo estará tamén en Lugo, unha cidade popularmente coñecida polas súas tapas e viños. Hoxe, no ‘Aquí hai verán’ captarase o ambiente dunha xornada de viños durante esta época estival.

Amais, outro equipo do programa introducirase no San Roque de Vilagarcía, moi popular polas súas festas e, concretamente, pola festa da auga. Este ano, a auga chegou pero doutra maneira, e neste ‘Aquí hai verán’ verase como se vive este San Roque inusual dende este concello das Rías Baixas.

E coñecerase o Pantín Classic Galicia Pro, na praia de Pantín, Valdoviño. O programa captará o ambiente que deixa un dos eventos deportivos de referencia en Galicia.

Fuente Crtvg.es