O ‘Atrápame se podes’ máis solidario estrea novas caras famosas na TVG

0
27

Santiago, 01.01.2022.-  O ‘Atrápame se podes’ (22.05 h), no seu formato especial ‘Superstar’, inicia o novo ano con renovadas doses de humor e entretemento, un novo bote solidario e coa participación de cinco novas persoas famosas. O formato dálles continuidade aos especiais que comezaron a semana de Nadal e nos que Trisha Fernández gañou o último día, conseguindo que así o programa entregase 5.000 € á Federación Galega de Bancos de Alimentos.

Pili Pampín, Isi, Lucía Pérez, Lito Garrido e Noelia Rey serán os cinco concursantes que participen desde hoxe ata a noite de Reis neste espazo presentado por Paco Lodeiro.

A eurovisiva Lucía Pérez, o vocalista e director da orquestra Panorama, Lito Garrido, e a verbeneira por excelencia Pili Pampín poranlle un maior toque musical aos especiais do ‘Atrápame se podes’. O humor e a rapidez da palabra veñen a cargo de Isi, a piques de facer vinte anos desde que fora proclamado o Rei da Comedia. E tamén se incorporará ao concurso tras presentar as badaladas de fin de ano na TVG Noelia Rey, presentadora do ‘Malicia noticias’.

Logo de que Trisha Fernández fose a mellor na ‘Fase das escaleiras’ o pasado mércores e conseguise superar a proba do ‘Minuto final’ (novidade neste formato especial), o bote solidario vai volver comezar en 1.500 €.

Esta edición Nadal do programa estenderase ata a noite de Reis. A partir de aí o concurso seguirá na súa emisión habitual, ás 22:00 h, de sábado a mércores, con cinco concursantes cada semana, que terán opcións de levar un bote que antes do Nadal quedou en 17.000 €. Todos aqueles interesados en concursar poden enviar un correo a atrapamesepodes@crtvg.gal.

Fuente Crtvg.es