O arquivo da CRTVG, peza imprescindible da programación especial das Letras Galegas 2023

0
22

Santiago, 24.02.2023.-   A CRTVG vai amplificar e divulgar a celebración do Día das Letras Galegas 2023 cunha completa programación en televisión, radio, canles dixitais e cunha campaña institucional no mes de maio para celebrar o autor homenaxeado este ano, o tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego.

A presentación dos actos oficiais e institucionais arredor desta data tivo lugar este venres nun acto en que participaron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e a alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mesa Coordinadora D. Paco, Rocío López. Nas súas intervencións, debullaron un completo programa dos ámbitos literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar.

A programación especial da CRTVG estenderase ao longo de todo o mes para afondar na figura do homenaxeado e o seu labor intelectual como personaxe imprescindible do galeguismo. O importante arquivo audiovisual da Corporación sobre o autor é peza fundamental destes contidos e fará posible a emisión da propia voz do escritor e de entrevistas con especialistas na súa obra, que se difundirán en televisión, radio e canles dixitais.

Televisión de Galicia

Entre outros contidos, Televisión de Galicia emitirá, a partir destes contidos de Arquivo, tres entrevistas a Francisco Fernández del Riego: ‘Galegos de honra’, ‘Pegadas na memoria’ e ‘Entrevistas do Hostal’. Son tres conversas longas co autor en que el mesmo repasa a súa traxectoria e fala de distintos aspectos da súa vida. Tamén programará a webserie da Real Academia Galega con seis capítulos que se inician nas terras de Lourenzá, onde naceu o autor, e abranguen as súas iniciativas políticas e culturais, como viviu a Guerra Civil e a posguerra e o seu papel como dinamizador cultural. E dará cumprida conta de toda a actualidade e actividades que se leven a cabo nas catro provincias.

Radio Galega

Na Semana das Letras, o espazo ‘Diario Cultural’ emitirá entrevistas diarias con académicos, familiares de Fernández del Riego, especialistas na súas obras de ensaio e narrativa, así como con editores e escritores. A recuperación de material do Arquivo Sonoro fará tamén posible o uso de fragmentos de intervencións orais de Fernández del Riego en accións divulgativas, que se complementarán cun especial seguimento informativo daqueles actos, concertos, recitais e outros eventos relacionados con Francisco Fernández del Riego e o Día das Letras Galegas.

No eido dixital, as webs e redes sociais da Corporación, de G24.gal, da Radio Galega e de espazos como ‘Diario Cultural’ e a plataforma diariocultural.gal implicaranse en divulgar información e a propia voz do autor e contribuirán a achegar a figura de Fernández del Riego, nomeadamente entre a cidadanía máis nova. Ademais, a CRTVG potenciará a celebración cunha #AcciónG de responsabilidade social corporativa, unha campaña institucional propia á que se sumará a emisión de cortinas.

Cobertura do día 17 de maio en todas as canles

Os medios públicos farán un completo seguimento informativo dos actos conmemorativos que a RAG e a Xunta de Galicia desenvolverán en Lourenzá (Lugo), a vila natal do autor. Así, na TVG, ao remate do ‘Telexornal Mediodía’, emitirase un ‘ZigZag Especial Letras’ dedicado á vida e obra de Fernández del Riego, entre outros contidos.

No acto deste venres, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quixo destacar do autor “un dos máis prolíficos e brillantes ensaístas do século XX e parte do XXI”, o seu legado para a cultura e lingua galegas, pois “a vocación de Fernández del Riego non se limitaba soamente á súa propia obra, senón que debemos considerar o seu gran papel como dinamizador da vida literaria, cultural e intelectual de Galicia”. Un papel que, ademais, o levou a “actuar como embaixador oficioso da nosa cultura por todo o planeta”, engadiu o representante do Goberno galego.

No programa de actividades, que inclúe máis dun cento de propostas, colaboran tamén o Concello de Lourenzá e a Mesa Coordinadora D. Paco, así como numerosas editoriais galegas (Xerais, Bolanda, Ir indo e Galaxia), e entidades e empresas de diversos sectores como Renfe Viajeros, Gadis, Vegalsa-Eroski, Feiraco e Xurdir, entre outras.

A programación completa das Letras Galegas 2023 pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na web de Cultura de Galicia.

Fuente Crtvg.es