O Celta-Cádiz abre este venres desde Balaídos o ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega

0
38

Santiago, 01.09.2022.-    A Radio Galega inicia este venres as retransmisións deportivas da fin de semana co partido da Primeira División Profesional entre o Celta de Vigo e o Cádiz, no estadio municipal de Balaídos. Tras a vitoria en Montilivi, o equipo de Coudet chega reforzado á primeira cita de setembro antes de visitar no Metropolitano o Atlético de Madrid. A emisión comezará ás 20.30 h e prolongarase ata a medianoite, para escoitar todos os protagonistas na sala de prensa e na zona mixta.

O sábado, desde as 16.00 h, o programa ‘Galicia en Goles’ contará a estrea do Deportivo na Primeira RFEF, recibindo en Riazor o Linense. Tamén viaxará ata Madrid para narrar o Sanse-Pontevedra e seguirá con atención o comezo da Segunda RFEF, cos encontros Oviedo Vetusta-Compostela, Coruxo-Arenteiro e Lugo B-Avilés.

Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 12.00 h co Alcorcón-Celta B, no estadio Santo Domingo. A partir das 16.00 h, a atención pasará primeiro polas divisións da RFEF, coa cobertura do Rácing de Ferrol-Castilla, Ourense-Rayo Cantabria e Bergantiños-Torrelavega. Ao final do día chegará o partido da xornada na Romareda, entre o Zaragoza e o Lugo, na Segunda División Profesional. Cando remate, contra as 23.00 h, visitarán o ‘Galicia en Goles’ os especialistas de ‘Ao Contraataque’, para analizar o sucedido cos  equipos galegos durante a fin de semana.

O sábado e o domingo, os oíntes poderán escoitar ás 15.00 h as últimas redifusións da temporada pasada de ‘Convivir Deportivo’, que estreará o novo curso o sábado 24 de setembro en Noia. Así e todo, os oíntes poden recuperar todos os audios deste programa a través da web radiogalega.gal.

Na foto superior, o equipo do programa ‘Galicia en Goles’

Fuente Crtvg.es