O Deza e o Baixo Miño enfróntanse esta semana nas batallas de ‘Come a comarca’

0
25

Santiago, 30.12.2020.-  Televisión de Galicia ofrecerá este último mércores do ano unha nova entrega de ‘Come a comarca. As batallas’ (22.35 h), en que 16 equipos de cociñeiros profesionais de diferentes zonas se enfrontan entre si nunha serie de eliminatorias para saber que comarca de Galicia é a que mellor cociña.  

O concurso gastronómico chega, por primeira vez esta temporada, á provincia de Pontevedra. Desta volta, serán os equipos do Deza e do Baixo Miño os que intentarán seguir adiante nunha competición que que está en xogo para os profesionais dos fogóns non só o prestixio de deixar quedar ben os seus territorios, senón que quen chegue á final gañará 5.000 euros e a comarca vencedora farase con 15.000.

O presentador do espazo, Fran Cañotas, percorrerá estas dúas comarcas cunha dobre motivación: facer país amosando a súa riqueza gastronómica e sumar de paso aos mellores expoñentes da súa riqueza culinaria. Así, a ruta polo Deza incluirá unha visita ao Restaurante Cabanas, referencia no que se refire á elaboración de cocido en Lalín, e haberá parada tamén en Kalekói, unha aposta pola artesanía no mundo do iogur. Xa no Baixo Miño, a aventura de dar con cociñeiros que cumpran o alto nivel de esixencia do concurso, levarao ao Estanco Alonso de Tui, o establecemento de alimentación máis antigo de toda Galicia, e ao Parador da mesma localidade, un edificio espectacular con vistas privilexiadas e con pratos acordes á súa sona.

Conformados os equipos comarcais, a praza da Ferraría de Pontevedra será o campo neutral que asistirá a unha batalla épica. O equipo do Deza estará capitaneado por Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas. Xunto a el competirán Belén Castro, de Casa Castro (Vila de Cruces), Alba Varela, de Casa Achacán (Rodeiro), e David Puga e Pablo Jordedo. No outro bando, o equipo do Baixo Miño estará liderado por Miguel Rodríguez, xefe de cociña do Parador de Tui, que estará acompañado por Raquel Alonso, de Cociñarte (Tui), o reposteiro Carlos Fariña, Judicael Romero e Alba Mier.

Ambos os dous equipos terán que elaborar o menú que presenten os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, e, sobre todo, convencer un xurado composto por 15 expertos en gastronomía, que probarán as súas elaboracións nunha cata a cegas. Quen acadará o pase á seguinte rolda? A resposta, este mércores na Galega.

Fuente Crtvg.es