O #DígochoEu arranca este venres a súa ruta polos dez colexios finalistas do Premio #DígochoEu

0
19

Santiago, 10.02.2022.-    O equipo do #DígochoEu da CRTVG comeza este venres as visitas aos dez colexios finalistas do Premio #DígochoEu, un concurso de vídeos que recibiu preto de 200 propostas de centros de educación Primaria e Secundaria de toda Galicia. Delas, foron seleccionados os dez mellores guións para un capítulo do #DígochoEu, que se gravarán nos centros escolares nunha xornada que Esther Estévez compartirá coa rapazada.

O primeiro centro ao que se achegará este venres o programa é o IES Rego de Trabe, de Culleredo (A Coruña). De aquí ao mes de maio seguirano cada semana o IES San Rosendo (Mondoñedo), o IES Pino Manso (O Porriño), o IES Pedra da Auga (Ponteareas), o IES Virxe do Mar (Noia), o IES Félix Muriel (Rianxo), o CEIP Francisco Vales Vilamarín (Betanzos), o CEIP S. Clemente de César (Caldas de Reis), o CEIP Antonio Fernández López (Sarria) e o IES Número 1 (O Carballiño). Eles presentaron as dez propostas, moi diferentes entre si, que foron elixidas pola súa orixinalidade e por afastárense de tópicos sobre a lingua.

Os vídeos destes dez proxectos serán emitidos en todas as canles e plataformas dixitais da CRTVG. No mes de maio, unha vez difundidos, un xurado externo elixirá os tres mellores, que levarán os primeiros Premios #DígochoEu, de 2.000, 1.000 e 500 euros.

A deste venres será unha saída por partida dobre para o equipo do #DígochoEu, que tamén se achegará ao IES David Buján de Cambre, un dos centros participantes no programa educativo ‘21 días co galego e +’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o uso do galego oral entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino. A CRTVG colabora nesta cuarta edición, que ten por lema ‘Creando en galego no século XXI’, e visitará de xeito presencial algúns dos colexios.  

#DígochoEu emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais, no seu perfil de Instagram, e tamén en TikTok, onde supera xa os 163.000 seguidores. Ademais, é noticia porque acaba de alcanzar os 4 millóns de ‘likes’ e os vídeos co cancelo #DígochoEu superan os 40 millóns de visualizacións en TikTok. Así mesmo, pódese seguir tamén en Twitch, cun streaming semanal na noite dos mércores, xunto co actor luso Rodrigo Paganelli. Esta intensa actividade nas redes sociais consolidou este proxecto dos medios públicos como o maior impulsor da lingua galega entre a mocidade de Galicia.

Ao longo do pasado 2021, #Dígocho Eu recibiu o Premio Paraugas de Comunicación e Marketing, na categoría de Mellor Execución de Idea; o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na categoría de Mellor Comunicación e Impacto, e o Premio da Cultura Galega, galardón co que a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

Fuente Crtvg.es