O especial ‘Galicia Bonita. Os Premios’ recoñece esta noite as actuacións estelares de propietarios e obreiros nas mellores reformas do programa

0
28

Santiago, 29.05.2022.-     Nos últimos anos, un equipo formado polos homes e mulleres que máis saben de reformas vai de casa en casa arranxando todo canto atopan. Non tardaron en buscar solucións ás desfeitas máis charramangueiras e hoxe, buscados por calquera que teña unha obra, sobreviven como poden aos somieres e bidés cos que tropezan.

Son o equipo do programa ‘Galicia Bonita’. E que momentos lles teñen deixado aos espectadores da TVG! Tantos, e tan bos, que ben merecen un premio a repartir entre propietarios e obreiros nas principais candidaturas, con actuacións estelares en cada reforma. Esta noite, entréganse ‘Os Premios do Galicia Bonita’.

Así, neste programa especial, a audiencia saberá quen son os gañadores nas categorías da mellor chapuza, os propietarios máis duros de roer, os donos máis pedichóns, as obras onde máis e mellor lles deron de comer ao equipo do ‘Galicia Bonita’, as mellores anécdotas relacionadas con animais e as maiores complicacións que atoparon os membros do programa.

Desde o propietario que non dá o brazo a tocer coa frase “o muro non se toca” ao curioso traslado do porco Pocholo. Nestes premios, estarán todos os protagonistas indiscutibles e inesquecibles do ‘Galicia Bonita’.

Os espectadores verán tamén algúns dos mellores momentos protagonizados polos distintos membros do equipo de reformas, desde Javier, o obreiro que soluciona case todos os problemas, a Rosa, a arquitecta encargada de rifarlles se non fan o que ela agarda, pero que tamén se presta a botarlles unha man se o precisan.

Fuente Crtvg.es