O ‘Eventos G’ promete unha velada moi romántica na compaña das parellas que fixeron historia en ‘Casamos!’

0
17

Santiago, 09.02.2021.-   Inspirados pola epígrafe de ‘O amor está en todas partes’, Televisión de Galicia propón este martes un ‘Eventos G’ (22.25 h) moi especial, unha velada moi romántica, en que serán protagonistas moitas das parellas que fixeron historia no programa ‘Casamos!’ da canle pública. Presentado por Arturo Fernández e Alba Mancebo, os convidados abrirán os seus corazóns para contarlles aos espectadores detalles sobre a súa vida e situación sentimental.

Ás portas do comezo dunha nova temporada de ‘Casamos!’ na TVG a próxima semana, ‘O amor está en todas partes’ ofrecerá esta noite, de primeira man, os testemuños destas parellas que deixaron pegada entre a audiencia, tanto as que seguen casadas coma as que xa non están xuntas, para falar sobre historias reais de superación, do desamor e do triunfo do amor tamén en tempos de crise.

En ‘O amor está en todas partes’ gozarase coa música da orquestra Cinema, que estará acompañada doutros artistas galegos, como Lucía Pérez, Luis Iglesia, Luís Rey e Pili Pampín, e da cantante portuguesa Monia Borges.

Relacionado coa emisión do ‘Eventos G’ desta noite, a TVG ofrecerá a continuación ‘Casamos! A mellor parella’.  Nel, os espectadores poderán ver unha edición especial sobre a parella favorita de todas as temporadas emitidas ata o momento en ‘Casamos!’, escollida previamente entre os participantes do programa da Galega.

A noite deste martes será a antesala na TVG do inicio dunha nova temporada do programa ‘Casamos!’, que chegará repleto de vodas novas, porque a xente segue casando e celebrando o amor.

Fuente Crtvg.es