O ‘Galicia en Goles’ comeza este sábado ao mediodía co Cádiz-Celta

0
9

Santiago, 10.02.2022.-    A fin de semana deportiva comeza o venres na Radio Galega. A partir das 20.30 h e ata as 00.00 h, a primeira edición do ‘Galicia en Goles’ informará da Copa da Raíña de voleibol desde Lugo e analizará o calendario dos equipos galegos para os principais eventos do sábado e do domingo.

Os horarios da LFP provocan que este sábado ‘Galicia en Goles’ adiante o seu comezo ás 13.00 h para a retransmisión do partido da Primeira Profesional entre o Cádiz e o Celta, desde o Novo Mirandilla. O programa tamén atenderá durante esta xornada de fútbol o Arousa-Segoviana, de Segunda RFEF, e o Somozas-Vilalbés, da Terceira. No polideportivo destaca o decisivo Obradoiro-Andorra, por fuxir da zona perigosa na ACB, xunto ao derbi feminino de fútbol sala entre o Burela e o Poio. A partir das 23.00 h, tras a emoción dos resultados, chegará a información do motor na sección de ‘Gas a Fondo’. Xa ás 23.30 h, o espazo ‘Galicia en París’ informará da actividade dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos do ano 2024.

O domingo, a sesión matinal comezará ás 11.45 h, con protagonismo para os tres encontros dos equipos galegos na Primeira RFEF: SD Logroñés-Deportivo, Rácing de Ferrol-Tudelano e Celta B-Majadahonda. Ademais, haberá dúas citas na Segunda RFEF: Compostela-Leganés B e Avilés-Coruxo. Desde as 15.00 h, a atención estará posta no Lugo-Amorebieta, da Segunda Profesional, xunto ao derbi da Segunda RFEF entre o Pontevedra e o Bergantiños. O Salamanca-Arenteiro, a xornada de Terceira e os encontros de baloncesto Breogán-Valencia e Basquet Coruña-Prat completan a oferta de retransmisións.   

Fuente Crtvg.es