O ‘Galicia en Goles’ da RG retransmite este mércores os partidos Xetafe-Celta e Córdoba-Rácing de Ferrol

0
12

Santiago, 02.05.2023.-    O calendario non dá tregua no treito final do campionato. Este mércores, o Celta de Vigo afronta unha nova viaxe na Liga da Primeira División e faino ante un candidato ao descenso que acaba de cambiar de adestrador, o Xetafe, un partido que ofrecerá en directo a Radio Galega a partir das 22.00 h. Roberto Carlos Carballo desprazarase ata o estadio Alfonso Pérez Muñoz para contar os 90 minutos de xogo, arroupado polos comentarios dos adestradores José Valtierra e Ramón Carnero, xunto á análise arbitral do especialista Xabier Rodríguez Campos. Os espectadores que teñan previsto seguir o partido por Movistar La Liga dispoñen nas opcións de audio da retransmisión da Radio Galega.

Ademais, o ‘Galicia en Goles’ atenderá a cita da Primeira RFEF entre o Córdoba e o Rácing de Ferrol, no estadio Arcángel. O partido reanudarase no minuto 11 co resultado de empate a un gol, despois de que na súa data inicial, o 25 de marzo, fora suspendido tras o esvaecemento do futbolista local Dragisa Gudelj. Unha vez quede actualizado o calendario da categoría con este enfrontamento, restarán só catro xornadas, que se presentan apaixonantes, dada a igualdade entre os catro primeiros clasificados, para obter o título de campión e ascender de xeito directo á Segunda División profesional.

Durante as tres horas e media de emisión, o programa tamén conectará co pavillón da Sangriña, onde o Guardés inicia os cuartos de final pola liga feminina de balonmán recibindo o Gran Canaria. Se cadra non é a mellor data para iniciar as eliminatorias definitivas, xa que coincide na semana da final da European Cup. Ao partido de volta, previsto para o próximo domingo ás 19.00 h en Turquía, viaxará un enviado especial da emisora autonómica para vivir unha xornada histórica para o balonmán galego.

Ao remate das retransmisións, contra as 00.00 h, comezará unha nova edición do programa ‘Ao Contraataque’, desta volta en horario reducido dunha hora. Os oíntes poderán escoitar a comparecencia en directo do adestrador do Celta, Carlos Carvallal, na sala de prensa e, posteriormente, ao mellor xogador do encontro na zona mixta. Na segunda parte do espazo haberá tempo para estar cos protagonistas do Córdoba-Rácing de Ferrol e para abordar o resto da actualidade da xornada.

Fuente Crtvg.es