O Mallorca-Celta protagoniza o ‘Galicia en Goles’ deste venres

0
10

Santiago, 19.01.2023.-   A xornada de Liga para o fútbol galego comeza esta semana na noite do venres. Desde 20:30 h, Paco Santos dirixe a retransmisión na Radio Galega do partido da Primeira División profesional entre o Mallorca e o Celta. Roberto Carlos Carballo viaxa ata o estadio de Palma para contar un partido en que unha semana máis o equipo vigués xoga por puntos que lle permitan seguir fóra dos postos de descenso. A emisión prolongarase ata as 00:00 h para escoitar os adestradores e tamén as declaracións do principal protagonista do xogo.

O sábado, a partir das 15:00 h, o fútbol da Primeira Federación será o protagonista, primeiro co Castilla-Rácing de Ferrol, en Valdebebas, e logo, co Deportivo-Rayo Majadahonda, en Riazor. Despois do fútbol, o programa estará atento á final do Trofeo Cidade de Pontevedra de balonmán e á presentación da Volta a Galicia 2023 en Santiago de Compostela.

O domingo, a edición matinal principia ás 11:45 h co fútbol das categorías dependentes da RFEF. Así, o Pontevedra visita o Linense na Primeira, mentres na Segunda destaca o derbi do Espiñedo entre o Arenteiro e o Coruxo. O baloncesto tamén terá presenza desde o Sar co Obradoiro-Baskonia, partido complicado para o cadro galego, que recibe a un dos equipos españois que compiten na Euroliga. Xa pola tarde, desde as 15:00 h, a atención estará posta primeiro no Celta B-Linares, da Primeira RFEF, xunto á xornada de Segunda e Terceira Federación. Pola noite, o Lugo-Vilarreal B converterase no partido destacado, coa necesidade dos puntos para o equipo que prepara Fran Justo. Tamén haberá cobertura para o Real Madrid-Breogán, da Liga ACB de baloncesto.

Cando rematen os partidos, ás 23:00 h, o ‘Galicia en Goles’ recibirá a visita dos especialistas de ‘Ao Contraataque’ para analizar os resultados dos equipos galegos. E na última hora, contra a medianoite, será o momento para escoitar aos protagonistas da fin de semana na xornada da Terceira RFEF. 

Durante a fin de semana, o proxecto ‘Galicia en Xogo’ terá presenza na Radio Galega, primeiro o sábado ás 13:00 h, coa visita de Alfonso Pardo a Moraña, onde presentará o traballo dos equipos de fútbol e atletismo da vila. Pola noite, ás 23:00 h, Rodrigo Pérez conducirá o tempo do motor e, ás 23:30, Toni López resumirá o máis importante da semana na actividade dos olímpicos galegos que preparan os Xogos de París 2024.

Fuente Crtvg.es