O mellor novembro da última década para o prime time da TVG

0
21

Santiago, 02.12.2022.-    Os datos de Kantar Media do mes de novembro refrendan os coñecidos onte tamén polo outro medidor de audiencias de referencia en España, o Estudo Xeral de Medios (EXM).

Así, os datos de consumo de televisión ofrecidos por Kantar Media reflicten que a TVG viviu o seu mellor mes de novembro desde 2011, cun 11,7% de cota de pantalla. Se falamos de forma específica da franxa do prime time -a de máis consumo do día-, a TVG rexistrou o seu mellor dato desde 2012 cun 12,3% de audiencia, é dicir, o mellor dato da década nun mes de novembro. Con este, son catro meses seguidos de traxectoria ascendente, que confirman a positiva acollida por parte da cidadanía á proposta da canle para este outono, en que coincide ademais a emisión do Mundial de Fútbol noutras canles e plataformas.

A franxa informativa do mediodía, co ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, logra un 19,5% de luns a venres, e lidera con máis dun punto por riba do seguinte competidor, A3. Os informativos da Galega chegan a unha audiencia total de máis dun millón e medio de galegos, o 61% da poboación maior de 4 anos.

Éxito do prime time e o day time

Pese á competencia, a TVG mantén a súa estratexia de información en directo e entretemento tamén en directo ao longo de toda a grella, e todo feito en Galicia. Así, os venres, por exemplo, a TVG supera as 15 horas de directo e o xoves móvese en algarismos semellantes.

Os produtos elaborados polo sector audiovisual galego (programas, series, cinema…) están competindo con solvencia e facendo medrar as súas franxas de audiencia. No mes de novembro o prime time da TVG medrou en catro dos sete días da semana: martes, mércores, xoves e domingos, nun mes en que destaca o liderado na noite dos sábados con ‘Bamboleo’. ‘Land Rober’, ‘Atrápame se podes’, ‘Malicia Noticias’ ou ‘Luar’ seguen a ser apostas seguras para a audiencia galega.

O day time da Galega tamén medra. As mañás, con toda a programación en directo, arrancando co ‘Bos Días’  e seguindo con ‘A Revista’, ‘A Bóla Extra’ e a nova incorporación do espazo ‘Atmosféricos’, medraron neste mes con respecto ao anterior un 2,2%, de luns a domingo. E as tardes, entre as 15.30 e as 20.30 horas, cos programas de actualidade e entremento tamén en directo ‘Quen Anda Aí?’ e ‘Hora Galega’, sumaron un 1,3% máis de espectadores.

No eido da FORTA, segundo os datos dados a coñecer por Kantar Media, a TVG segue a ser un dos principais motores do grupos, superando a media en 3,1 puntos de cota.

Fuente Crtvg.es