O partido Obradoiro-Zaragoza, este mércores, por radiogalega.gal e g24.gal/deportes

0
29

Santiago, 10.10.2023.-    Este mércores, ás 20:00 h, as plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes retransmiten desde o pavillón do Sar o partido que actualiza o calendario da Liga ACB de baloncesto e que corresponde á segunda xornada. O Obradoiro, que aprazara a cita pola disputa en Turquía da previa da Champions, recibe o Zaragoza, un rival que está en números semellantes, unha vitoria e dúas derrotas, neste principio de temporada.

As sensacións do Obradoiro, malia todo, están sendo boas. O domingo perdeu na difícil cancha do Valencia tras estar por diante no marcador durante varias fases do xogo. Unha segunda vitoria na temporada ligueira daríalle folgos ao equipo de Moncho Fernández, de cara aos próximos compromisos.

Alfonso Pardo narrará os 40 minutos de baloncesto, acompañado polo especialista Roberto Anidos. A emisión comezará minutos antes das 20:00 h e prolongarase ata o final do encontro. A partir das 23:00 h, xa na FM, o programa ‘Ao Contraataque’ falará cos principais protagonistas.

Durante a fin de semana continuarán as retransmisións exclusivas de baloncesto en radiogalega.gal e g24.gal/deportes. O sábado, a partir das 18:00 h, os afeccionados poderán escoitar integramente o Andorra-Obradoiro. Xa o domingo, desde as 17:00 h, a emisión ao completo será desde o Pazo do Lugo, co Breogán-Valencia.

Fuente Crtvg.es