O pop de autor da coruñesa Silvia Penide, protagonista do novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’ na G2

0
15

Santiago, 18.08.2021.- O ciclo de concertos ‘Galicia Emerxe’ continúa este mércores na G2 coa actuación, a partir das 23.20 h, da artista coruñesa Silvia Penide, unha das voces máis recoñecibles do pop de autor en Galicia, que subirá a escena na compaña de Carla López, Óscar Quintáns e Paul Álvarez

Cun estilo moi variado e buscando remover sempre, a artista compartirá cos espectadores algúns dos temas que leva publicando dende o ano 1997, cando estreou a súa primeira maqueta autoeditada. Ademais, a cantante acaba de lanzar o seu último traballo, ‘Los días de plomo’, un disco agridoce en que aborda diversos estados de ánimo, seguindo a liña da melancolía positiva que acompaña a súa música.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es