O premiado ‘Eles transportan a morte’, filme participado pola TVG, compite desde hoxe no Festival de Rotterdam

0
17

Santiago, 26.01.2022.–  A recoñecida película ‘Eles transportan a morte’ continúa desde hoxe no 51 Festival Internacional de Cine de Rotterdam o seu periplo polos certames de cinema máis destacados do mundo, nunha edición totalmente virtual. Esta nova longametraxe participada pola Televisión de Galicia, dirixida pola compostelá Helena Girón e o tinerfeño Samuel M. Delgado, compite na Sección Bright Future cunha selección de óperas primas, caracterizadas pola súa temática orixinal e estilo individual, que representa a corrente máis innovadora do cinema actual.

‘Eles transportan a morte’ cuestiona a épica dos relatos de conquista para desenvolver un discurso crítico sobre a colonización. A ficción sitúase nun momento clave da historia, en 1492. Entre a tripulación de Cristovo Colón viaxan tres homes que evitaron as súas execucións a cambio da participación no incerto viaxe, pero que, ao chegar ás illas Canarias, foxen cunha das velas da embarcación. Mentres, no ‘Vello Mundo’, unha muller intenta salvar a vida da súa irmá moribunda coa axuda dunha curandeira. Ambas viaxes tratan de burlar a morte e están a mercé do tempo e da historia.

O filme, rodado ao longo de catro semanas, en localizacións de Ourense e Tenerife, conta no seu elenco de actores con Nuria Lestegás, Sara Ferro, Xoán Reices, Valentín Estévez, David Panteleón e Josefa Rita Míguez.

Coproducida por Filmika Galaika e El Viaje Films, coa produción asociada de La Banda Negra e Blond Indian Films, amais de contar coa participación da CRTVG e a RTVC e o apoio da Agadic e o ICAA, ‘Eles transportan a morte’ obtivo recoñecementos en prestixiosos festivais, como a Mostra de Venecia (Premio á mellor achega técnica), o Festival de San Sebastián (Mención especial do xurado), o Festival Cinespaña de Toulouse (Premio á mellor dirección, mellor música e deseño de son), o Festival de Cine do Cairo (Premio á mellor contribución artística), o Festival de Ourense (Premio Xacobeo) e o Festival de Cine de Pontevedra Novos Cinemas (Premio á mellor película).

Fuente Crtvg.es