O programa ‘Clac’ comeza este venres unha nova temporada na G2, coa emisión da película ‘Ons’, de Alfonso Zarauza

0
21

Santiago, 07.10.2022.-    Este venres arranca na G2 a nova temporada de ‘Clac’, o programa de cinema da canle pública, dirixido e presentado pola xornalista Tania Fernández Lombao. Faino coa emisión da película ‘Ons’, un filme denso, cargado de liñas psicoanalíticas e recantos dos misterios da alma. ‘Ons’ relaciona, de xeito íntimo e terrible, varios personaxes pechados na illa, afastados do mundo e enfrontados aos seus medos e desexos, ao seu auténtico eu.

‘Ons’ é a cuarta longametraxe do director Alfonso Zarauza. Foi rodada na illa de Ons no outono de 2019 e contou coa participación de Melania Cruz, Antonio Durán ‘Morris’, Xulio Abonjo e Marta Lado. O filme obtivo nove premios Mestre Mateo, incluídos o de mellor película e mellor guión e con recoñecementos tamén para os seus protagonistas.

A película que esta noite ofrece ‘Clac’ conta a historia dunha parella en crise que viaxa desde Barcelona ata Ons para recollerse e curar a alma logo dun accidente tráxico ocorrido recentemente, e tamén para loitar contra o desamor. Na illa de Ons viven o irmán e a cuñada da protagonista, cos que quedan uns días. Logo, os protagonistas trasládanse á casa familiar, un espazo cheo de silencios, onde os segredos se amplifican. De súpeto, unha noite de treboada, coma se fose unha pantasma, aparece unha muller estranxeira, amnésica, e todo o pasado regresa baixo formas misteriosas.

No coloquio previo á proxección do filme participarán dúas das figuras máis importantes do audiovisual galego: o director Alfonso Zarauza e o actor Antonio Durán ‘Morris’. Zarauza explicará no programa como está película xurdiu a partir dunha experiencia persoal. Pola súa parte, ‘Morris’ exporá o xeito en que preparou o guión, como se traballa o silencio para que comunique máis que as palabras e referirase a forza da illa de Ons como escenario.

Fuente Crtvg.es