O programa da Radio Galega ‘A Tarde’ realízase este martes en directo desde Sedexpo

0
26

Santiago, 28.11.2023.-    O equipo de ‘A Tarde’ abandona este martes os estudios da Radio Galega para realizar o programa en directo desde Silleda, onde ata o vindeiro xoves se celebra a segunda edición de Sedexpo, a Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias.

Sedexpo ofrece durante estes días un intenso programa de obradoiros, presentacións, exhibicións e simulacros, coa participación de máis de 200 firmas expositoras de 24 países. Esta edición amosará desde equipamento e sistemas de seguridade pública e privada, a material para as forzas de seguridade, protección civil ou emerxencias, así como ferramentas de ciberseguridade, análise e intelixencia.

O presentador de ‘A Tarde’, Antón Rebollido, entrevistará o director da Feira Internacional de Galicia Abanca, Ricardo Durán, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, que falará da presenza da Consellería do Medio Rural na área expositiva da feira, coa organización do II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes e tamén un simulacro do servizo de prevención de incendios forestais.

Outro dos convidados do programa será Álvaro Rodríguez, comandante da Garda Civil, que participa na organización dun simulacro de intervención ante un secuestro con arma branca e dúas xornadas técnicas sobre ‘Proxección internacional e nacional do grupo de acción rápida: seguridade en espazos públicos ameazados polo terrorismo’ e ‘Protección do mundo dixital: desafío e solución de ciberseguridade’.

Fuente Crtvg.es