O programa ‘Eu quero rapa’ fará un percorrido polos montes e o curro de Sabucedo para vivir esta Festa de Interese Turístico Internacional

0
7

Santiago, 01.09.2021.-    A espectacular Rapa das Bestas de Sabucedo será a protagonista absoluta do programa ‘Eu quero…’, un espazo en que a alegría e as ansias de pasalo ben están sempre en primeiro termo e que fai un percorrido polos mellores produtos e polas festas máis salientables destas datas.

Así, no programa especial ‘Eu quero rapa’, esta festa de Interese Turístico Internacional chegará aos fogares de todos os espectadores cunha intensa viaxe polos montes e o curro de Sabucedo, onde non faltará a acción, a emoción, a música, a comida e a festa rachada. As reporteiras do programa, Adela Bértolo, María Rial e Laura Vaqueiro, serán as encargadas de achegarlle á audiencia todo o que ocorra en Sabucedo.

Para comezar, estarán na subida aos montes da parroquia. No primeiro día da festa os aloitadores e os veciños de Sabucedo saen das súas casas de madrugada para ir polos cabalos. É unha tarefa dura que remata cunha comida campestre.
    
A continuación, as reporteiras presenciarán o traslado das bestas ao peche onde os animais pasarán a noite. Despois irán á estrea da ‘Sinfonía da Rapa das Bestas’, interpretada pola Banda de Música Municipal da Estrada. E rematarán a xornada cun concerto da artista galega Sheila Patricia.
    
As cámaras do programa deste mércores á noite tamén estarán na impresionante baixa das bestas. Trátase dunha das imaxes máis espectaculares destes días, un orgullo para a xente de Sabucedo, que, xunto cos visitantes e os centos de medios acreditados, compartirán unha comida a base de polbo e churrasco.
    
O percorrido de ‘Eu quero rapa’ continuará co primeiro dos dous curros que se celebran este ano. Alí os espectadores poderán gozar dunhas imaxes fabulosas que forman parte dunha tradición milenaria. No programa tamén haberá tempo para bailar e cantar coa música dr artistas como Marcelo Dobode, Uxía Senlle ou o grupo de gaiteiros Airiños de Caldelas.
    
Antes de vivir o curro definitivo, as reporteiras de ‘Eu quero rapa’ compartirán unha tarde de historias xunto aos aloitadores e as aloitadoras de Sabucedo. A Gala da Rapa das Bestas, que premia todos os que fan posible esta festa, tamén será un dos argumentos do programa.

Como a rapa require de moita forza, as reporteiras sairán na procura dun menú axeitado: uns callos feitos na parroquia de Matalobos, unha pouca sidra de Pardemarín e unhas canas recheas de crema para a sobremesa. E todo, sen saír do concello da Estrada.
    
Para rematar, ‘Eu quero rapa’ fará un resumo dos mellores momentos do segundo curro, o que pecha a festa. Deste xeito, os espectadores vibrarán xunto ao público chegado de distintas partes de Galicia, do resto de España e de moitos outros países do mundo. E, para relaxar o ambiente entre curro e curro, ‘Eu quero rapa’ ofrecerá a actuación do grupo tradicional Tanto Nos Ten, do concello de Redondela.

Fuente Crtvg.es