O programa ‘Luar’ recibe este venres a Rosario, Sabela e Uxía Lambona e a Banda Molona

0
18

Santiago, 05.02.2021.-    O programa ‘Luar’ ten hoxe como convidada a cantante Rosario, que lles presentará aos espectadores da TVG o seu novo sinxelo, ‘Te lo digo todo y no te digo ná’, un tema cargado da enerxía que, pese aos tempos que estamos a vivir, inspirou a esta artista consagrada, da enerxía que emana do seu arte e o seu talento e que quere compartir cos seus seguidores.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso, Patricia Fernández Santana e Rocío Rodríguez tamén contará coa presenza da cantante galega de música lixeira Sabela, que conta cunha carreira musical de case 40 anos.

Ademais, ‘Luar’ presentará este venres sobre o escenario a orixinal proposta de Uxía Lambona e a Banda Molona, un proxecto lúdico, musical e educativo, que pretende divertir nenos e nenas, achegándoos aos temas da tradición galega dun xeito novo e atractivo, utilizando para iso novos estilos musicais como o ska, o rock ou o hip-hop.

O cartel musical desta noite completarase coas actuacións da orquestra La Favorita;  do recoñecido coro Cantigas e Agarimos, cos seus temas que forman xa parte da cultura popular galega, e do grupo Zurrumalla, que leva dúas décadas estudando e tocando por toda Galicia a música tradicional, convertendo cada unha das súas actuacións nunha festa.

Finalmente, no tempo do concurso ‘Recantos’, esta semana será a quenda de Sofía Rial, representante da comarca Terras de Compostela, e de Yeni Paz, procedente de Ourense Norte, que actuarán tanto en solitario como a dúo.

Fuente Crtvg.es