O sector pesqueiro recoñece o labor de Xusto López Carril e o programa ‘Mar de Ardora’ da RG

0
45

Santiago, 18.02.2020.-    O programa da Radio Galega ‘Mar de Ardora‘ foi recoñecido na terceira edición dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español, convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), e que se entregaron hoxe en Madrid.

O xornalista e presentador de ‘Mar de Ardora’, Xusto López Carril, recolleu o diploma que o acredita como finalista, nun acto celebrado no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao que tamén asistiu o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias. Estes premios teñen como obxectivo recoñecer o labor dos medios de comunicación e dos profesionais da información na difusión e mellora do coñecemento da actividade do sector pesqueiro.

‘Mar de Ardora’, que se emite os sábados de 07:00 a 08:00 h, é un programa centrado no mundo do mar, con bloques de noticias, reportaxes, entrevistas e relatos de historias humanas. O programa foi seleccionado como finalista por unha serie de tres programas emitidos arredor do 8 de marzo de 2019 dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia e a lembrar a súa potencialidade no mundo do mar.

Para isto, ‘Mar de Ardora’ ofreceu un mosaico do traballo das mulleres no mar, falando con redeiras, mariscadoras, traballadoras de conserveiras, percebeiras, ouriceiras, peixeiras, directoras de empresas comercializadoras, armadoras, patroas maiores de confrarías, tituladas náutico-pesqueiras, biólogas e mulleres que ocupan cargos na Administración pesqueira. Os seus testemuños foron recollidos en Boiro, Corme, Camariñas, Vigo, Cambados, San Cibrao, Malpica e A Coruña.

Fuente Crtvg.es