O thriller ‘Código emperador’, nova película participada por TVG, inaugurará a 25 edición do Festival de Málaga

0
12

Santiago, 01.02.2022.-  A longametraxe ‘Código emperador’, ambicioso thriller cunha forte carga emocional, en que participa a Televisión de Galicia, é a cinta elixida para inaugurar a 25 edición do Festival de Málaga (18-27 de marzo). Baixo a dirección do recoñecido realizador galego Jorge Coira e co tamén premiado Luís Tosar como intérprete principal, ‘Código emperador’ reflicte a cara máis oculta do poder en España. É a primeira vez que unha produción dun director galego dá comezo a un festival de cinema español. A estrea nas salas de cine será tamén o próximo 18 de marzo.

Ambientada nas altas esferas do poder e na espionaxe, ‘Código emperador’ está escrita co inconfundible estilo dun dos máis importantes guionistas do cine español, Jorge Guerricaechevarría (‘Cela 211’). Esta nova película de suspense participada pola TVG bebe da realidade para somerxer os espectadores nos recunchos dun sistema en que as aparencias son enganosas, a mentira está á orde do día e a chantaxe é a mellor moeda de cambio.

O protagonista, que traballa para os servizos secretos, establece unha relación complexa coa asistenta filipina que vive na casa dunha parella implicada no tráfico de armas. Ao mesmo tempo, realiza outros traballos “non oficiais” para protexer os intereses das elites máis poderosas do país, atraídas agora por destapar os trapos sucios dun político.

Ao carón de Luís Tosar, cómpre salientar un elenco formado por Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Miguel Rellán, Laura Domínguez, María Botto, Arón Piper, Denís Gómez e Santi Prego, entre outros. Rodada en localizacións da Coruña, Bilbao, Madrid, Budapest e Cidade de Panamá, chegará ás salas de cinema o 18 de marzo, distribuída por A Contracorriente Films e, internacionalmente, vía Netflix.

Vaca Films e Proyecto Emperador AIE producen ‘Código emperador’, en coprodución coa francesa Playtime, coa participación de TVG, RTVE, Netflix, e co apoio de ICAA, Agadic e Programa Media.     

A CRTVG, pola súa parte, decidiu en 2020 participar en ‘Código emperador’, no marco das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual galego, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%, xunto a outros seis proxectos cinematográficos.

Fuente Crtvg.es