O trío vigués de formato acústico Caldo, convidado este mércores no ciclo ‘Galicia Emerxe’

0
7

Santiago, 17.11.2021.-   O ciclo de concertos ‘Galicia Emerxe’ (23.25 h) continúa este mércores na G2, nesta ocasión coa actuación de Caldo, grupo formado por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra).

No territorio difuso onde conviven tradición e innovación recolle Caldo os ingredientes para a súa receita: melodías e letras da música popular galega postas en contextos sonoros que parten das influencias máis diversas.

Con este proxecto, o trío vigués de formato acústico, que atopa máis acubillo na intimidade das salas que nos grandes festivais do xénero, pretende afondar na revisión do repertorio tradicional e tamén traballar nas súas propias composicións, que esta noite poderán escoitar os espectadores da segunda canle da Galega.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola G2 e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es