O ‘Tupper Club’ da TVG ábrelles as súas portas ao presentador Xosé M. Parada, aos membros da Roda e ao cantante e bailarín Xisco Feijoó

0
40

Os tres responderán á chamada do chef Álex Iglesias, que lles proporá competir polo ouro do programa con receitas clásicas da cociña galega

O 'Tupper Club' da TVG ábrelles as súas portas ao presentador Xosé M. Parada, aos membros da Roda e ao cantante e bailarín Xisco Feijoó

Santiago, 3.5.2022.- Na segunda entrega do ‘Tupper Club’ (23.00 h), a exclusiva sociedade gastronómica da TVG, o chef e presentador Álex Iglesias convidará a participar o presentador galego Xosé Manuel Parada, os membros do coñecido grupo A Roda e o cantante e bailarín Xisco Feijoó. Os tres responderán a súa chamada cando lles propoña competir polo ouro cunha receita que poden escoller entre as clásicas da cociña galega.

Parada atreverase a cociñar desde unha granxa no interior galego e apostará por unha torta de queixo, cun queixo que fará el mesmo. Pero durante o cociñado decidirá facer unha videochamada que ninguén agarda e que regalará unha emocionante conversa. Será iso o que o pon nervioso e o que fai que case non poida acabar a receita?

O grupo A Roda pensou que a súa cociña era un palco. Os espectadores non poden perder as cancións, coplas e contos que non deixarán de botar mentres intentan sacar adiante unha carne con cervexa que se complicará por momentos. Seica cociñar en grupo non se lles dá tan ben como actuar.

A pasta con gambas de Xisco Feijoó pasará á historia do ‘Tupper Club’. Para saber se está boa haberá que ver as catas dos rivais do artista galego, que cociñará desde a súa casa en Vigo, para a sorpresa do seu compañeiro de piso.

Fuente Crtvg.es