O ‘Vaia troula’ vive as multitudinarias festas da Istoria de Ribadavia e o desembarco normando, en Foz

0
69

Santiago, 28.8.2022.-  A presentadora do ‘Vaia troula’ (23.15 h), Noelia Rey, visita este domingo o concello ourensán de Ribadavia para participar nunha nova edición da multitudinaria Festa da Istoria, considerada Festa de Interese Turístico Nacional. E as reporteiras do programa, coma sempre, estarán nas mellores celebracións galegas da fin de semana.

O ‘Vaia troula’ pecha o mes de agosto cunha divertida e intensa escolma de festas polas catro provincias galegas. Deste xeito, a reporteira Belén Vara irá a Sanxenxo para celebrar con milleiros de persoas e cunha gran sardiñada o día dedicado ao turista.

Adela Bértolo viaxará ao concello de Arzúa para gozar, despois de dous anos de ausencia, da tradicional Romaría da Mota dedicada a San Bartolomeu. E Alba Lea será unha máis na Festa Normanda do concello de Foz. O seu desembarco é un dos momentos máis emocionantes desta fin de semana tan festeira.

As cámaras do programa tamén pasarán polas festas de San Roque de Porto, en Pontecesures, a Romaría de Santa Margarida da Coruña e o fermoso Folión de Carros do concello de Chantada.

O menú trouleiro deste domingo á noite complétase coa Romaxe de Coiro, en Mazaricos, as festas de Meirás, en Sada, a Romaría do Pan de Millo da parroquia de Cabral, en Vigo, e a churrascada que celebran en Chapela, no concello de Redondela.

E para que o festexo non pare en ningún momento, hoxe o programa tamén ofrecerá a actuación da orquestra Acordes.

Fuente Crtvg.es