Os Bolechas visitarán sete concellos galegos co seu espectáculo de Nadal

0
10

Santiago, 17.12.2020.- Desde o luns, os Bolechas viaxarán por Galicia un Nadal máis da man da S.X. de Política Lingüística, Televisión de Galicia, Gadisa e Editorial Bolanda. Os Bolechas levarán o seu espectáculo, no que mandan unha carta urxente aos Reis Magos de Oriente, a un total de sete concellos: Guntín, Redondela, Abadín, Bergondo, Salceda de Caselas, Padrón, Viana do Bolo e Trazo.

A xira comezará en Guntín o 21 de decembro e rematará o 7 de xaneiro en Viana do Bolo. A primeira función será para escolares do CPI Tino Grandío e o resto das funcións serán en espazos municipais, polo que será preciso consultar as medidas establecidas en cada concello. Esta nova proposta dos Bolechas pretende “seguir ofrecendo ocio en galego para os máis pequenos ao tempo que se apoia o sector cultural”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación. “Se algún sector está sufrindo especialmente esta situación é o da cultura e a mellor forma de axudala é acudindo aos espectáculos e gozando deles” pediu o secretario xeral.

Pola súa parte, Rosa Vilas, adxunta ao director xeral da CRTVG, sinalou que “Os Bolechas son un distintivo na programación infantil da canle que teñen máis valor ca nunca nestes momentos”. Xunto a eles, Román Roo, delegado da área de Santiago de Gadisa, quen mostrou a súa satisfacción porque Gadis colabore un ano máis cos Bolechas. Pola súa banda Antonio Couto, da Editorial Bolanda, agradeceu a todas as entidades que “un ano máis, e especialmente neste tan difícil que estamos a vivir, fagan posible levar a ilusión a decenas de familias galegas que cada Nadal agardan a visita dos Bolechas ás súas vilas”.

Fuente Crtvg.es