Os cantantes andaluces Diana Navarro e Juan Valderrama, convidados no ‘Luar’ deste venres

0
30

Santiago, 13.10.2023.-   O programa ‘Luar’ (22:00 h) recibirá este venres a visita da cantante e compositora malagueña Diana Navarro, unha das artistas máis valoradas do noso país, que segue a fusionar copla, flamenco e zarzuela con estilos tan dispares como o pop sinfónico ou a electrónica. Hai escasas datas publicou o seu novo traballo, titulado ‘De la Piquer a la Navarro’, en que versiona grandes clásicos da copla española adaptados a un son máis actual. Fiel defensora das tradicións musicais, a cantante convida con esta proposta a unha viaxe sonora desde a sinxeleza do piano ao máis absoluto directo, á fusión máis sorprendente, demostrando unha vez máis que a copla é atemporal.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez tamén contará coa presenza do cantante Juan Valderrama, herdeiro dunha gran tradición musical. Fillo dunha das parellas artísticas máis emblemáticas do noso país, Juanito Valderrama e Dolores Abril, abriuse camiño no panorama musical cun estilo que mestura as raíces andaluzas coas novas tendencias.

Por outro lado, os espectadores da TVG serán testemuñas esta noite de como a intelixencia artificial reviviu a Ana Kiro. 13 anos despois da súa morte, a gran referente da música lixeira galega será a representante de Galicia no Al Son Contest, a Eurovisión da intelixencia artificial, que se celebrará o 4 de novembro na Coruña, co tema ‘Florespiña’. Os seus creadores, o equipo PAMP! estarán no escenario para amosar o sorprendente resultado.

No programa deste venres tamén será protagonista a música da agrupación tradicional Lirolai, da Asociación Cultural Donaire, da Banda de Gaitas Preparatorio da Deputación de Ourense e da orquestra Finisterre.

Finalmente, nunha nova entrega do concurso ‘Recantos’, enfrontaranse nesta ocasión Fon, representante da comarca Galicia centro, que cantará ‘A vida segue igual’, e Tania Queiruga, procedente de Noia-O Barbanza, que interpretará ‘Eu só lle pido a Deus’.

Fuente Crtvg.es