‘Os demos de barro’, película de animación participada pola TVG, gañadora no Celtic Media Festival

0
32

Santiago, 06.06.2023.-       A primeira xornada do Celtic Media Festival 2023, que se celebra ata o xoves na localidade irlandesa de Dungloe, deparou un primeiro premio Celtic Media para unha produción apoiada pola TVG, a película de animación ‘Os demos de barro’.

 Dirixida por Nuno Beato, ‘Os demos de barro’ é unha coprodución hispano-franco-portuguesa que combina stop-motion con animación en 2D e que conta coa participación da Televisión de Galicia. A cinta fíxose co premio á mellor película de animación no festival. A longametraxe do cineasta luso conta coas voces de intérpretes galegos como Isabel Naveira, Monti Castiñeiras, Ledicia Sola e Celso Bugallo.

 Inspirada visualmente na cerámica tradicional portuguesa, ‘Os demos de barro’ narra a historia de Rosa e o regreso ás súas raíces e á vida natural de campo e da súa aldea natal. A película trata temas de actualidade como a destrución da natureza, o abandono do campo, a superficialidade das relacións humanas na vida moderna e a busca de novas formas de vida en equilibrio coa contorna. ‘Os demos de barro’ é unha coprodución de Sardinha em Lata (Portugal), Caretos Films A.I.E. (Galicia), Basque Films (País Vasco) e Midralgar (Francia), que conta coa participación da TVG e o apoio de Eurimages, República Portuguesa, ICAA-Ministerio de Cultura, PIC Portugal, Visita Portugal, Ibermedia, Région Sud, Nouvelle Aquitaine e a Xunta de Galicia.

 Esta edición do certame celta conta coa presenza de Alba Mancebo, xefa de Extensión Audiovisual da CRTVG, e de Tania F. Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, en representación dos medios públicos galegos. O Celtic Media Festival (https://www.celticmediafestival.co.uk), que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 44 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. 

 Este mércores e xoves coñeceremos os espazos gañadores noutras categorías nas que tamén compiten producións da CRTVG. Así mesmo, na xornada do mércores será presentado como caso de estudo, dentro das xornadas de traballo do festival, o proxecto ‘DígochoEu’ da canle pública galega.

Fuente Crtvg.es