Os derbis galegos de fútbol sala feminino Burela-Ourense Envialia e Viaxes Amarelle-Poio Pescamar, esta fin de semana, na G2 e na web da CRTVG

0
18

Santiago, 30.09.2022.-    O fútbol sala feminino será protagonista da oferta deportiva dos medios públicos galegos para esta fin de semana. A primeira cita será o sábado ás 17.30 h, cando se disputa o derbi galego en Vista Alegre entre o C. D. Burela F. S. e o Ourense C. F. Envialia, partido da Primeira RFEF. As guerreiras laranxas non coñecen a derrota e quererán vingarse da eliminación da Copa da Xunta. Mentres, as ourensás acaban de conseguir o seu primeiro triunfo.

Os espectadores da G2 poderán ver outro partido da 1º RFEF feminina de fútbol sala o domingo ás 12.00 h: Viaxes Amaralle F. S.-Poio Pescamar F. S., novo derbi galego co que se pechará a xornada na Coruña. O equipo local intentará tumbar un dos grandes conseguindo a súa segunda vitoria da temporada. Pola súa parte, as pontevedresas, que veñen de gañarlle comodamente ao Móstoles, buscarán o triunfo para non perder o tren dos postos altos.

O outro gran foco de atención será a sexta xornada da Primeira División RFEF de fútbol, cuxas retransmisións se repartirán tamén entre o sábado e o domingo. O primeiro día de outubro será a quenda do C. D. Badaxoz-Rácing de Ferrol, que se xoga a partir das 20.00 h. Que o conxunto ferrolán recupere a súa mellor versión é o camiño máis rápido para retomar a senda da vitoria no Nuevo Vivero, onde buscará desquitarse do empate do sábado pasado en Alxeciras, para seguir sumando así o maior número de puntos.

E o domingo, ás 19.00 h, a segunda canle da Galega e a web da CRTVG retransmitirán o partido R. C. Deportivo-San Fernando C. D. Tras recuperar a primeira xornada o mércores pasado e gañarlle ao Talavera, o Dépor recibe un rival que arrancou a era Salva Ballesta cun empate na casa contra o Sanse. O equipo andaluz é 13º, a seis puntos do conxunto coruñés, que ocupa a 4ª praza da clasificación, con catro puntos menos que o líder, o Córdoba.

Ademais, este domingo regresa o programa ‘A Liga das Cidades’, que desde as 17.00 h contará co seu habitual carrusel e establecerá conexións cos encontros de Segunda Federación Bergantiños C. F.-R. Valladolid Promesas e Coruxo F. C.-C. D. Laredo.

Fuente Crtvg.es