Os espectadores da G2 poderán achegarse á historia de ‘Os Crebinsky’, a película que hoxe ofrece o programa ‘Clac’

0
15

Santiago, 07.01.2022.- O programa ‘Clac’ (22.55 h) achegará esta noite a historia de ‘Os Crebinsky’, dous irmáns orfos, personaxes marxinais que viven das crebas, de recoller o que o mar devolve á terra nunha Galicia imaxinada durante a Segunda Guerra Mundial. O filme foi rodado no outono de 2008 en localizacións como Ortigueira, Espasante, Portomarín, na praia das Furnas ou no faro de Bares.

Esta película de Enrique Otero, que hoxe se poderá ver na G2, é das máis curiosas da cinematografía galega, unha comedia de humor inxenuo, por momentos surrealista, inspirada no cinema mudo clásico e cun deseño de produción naif. O filme está baseado nunha curtametraxe do mesmo nome de 2002, tamén dirixida por Enrique Otero. Con ela iniciouse a creación dun particular ‘Universo Crebinsky’, con banda de música incluída, unha formación de música ‘agro rural’ con influencias centroeuropeas, en particular do músico e cineasta Emir Kusturika, da que tamén forma parte Otero. A voz solista do grupo é Sergio Zearreta, actor protagonista do filme, xunto a Miguel de Lira.

Sen o pretenderen, os irmáns Crebinsky vense implicados nas operacións de submarinos americanos, na procura de volframio por parte dos nazis e no día a día dos falanxistas. Todo isto mentres tratan de rescatar a súa querida vaca Muska.

O espazo presentado por Tania F. Lombao contará coa presenza de Enrique Otero, que desvelará desvelou como naceu a idea da película e como isto derivou na creación de todo un mundo, incluíndo unha banda musical que está a piques de sacar un novo disco. Así mesmo, reflexionará sobre as similitudes entre esta película e o cine mudo e referirase ás animacións e efectos que se empregaron nela. Pola súa parte, o actor Sergio Zearreta falará sobre o surrealismo da historia e o traballo realizado para meterse no papel dun dos irmáns protagonistas.
    
A actualidade cinematográfica e da carteleira tamén terá o seu oco no espazo da G2, que, como cada semana, contará coa participación do experto en cinema Eduardo Galán.

Fuente Crtvg.es