Os partidos do Lugo, do Deportivo e do Rácing de Ferrol, entre o máis destacado no ‘Galicia en Goles’ desta fin de semana

0
8

Santiago, 18.02.2022.-    Esta semana a xornada de ‘Galicia en Goles’ prolóngase un día máis, ata o luns, que é cando ten que xogar o seu partido da Primeira División o Celta de Vigo contra o Levante. Así e todo, o equipo de deportes da Radio Galega ten preparado xa para o venres, de 20.30 a 00.00 h, a edición de análise en profundidade de todos os partidos, coas roldas de prensa dos adestradores e as opinións dos especialistas.

O sábado, desde as 15.00 h, o programa contará o UD Logroñés-Celta B, da Primeira RFEF, no histórico estadio de Las Gaunas, xunto ao derbi Bergantiños-Compostela, da Segunda Federación. No polideportivo destacan os derbis Porriño-Guardés, de balonmán feminino, e o Poio-Marín, de fútbol sala, xunto ao Cangas-Cuenca da Liga Asobal. Na última hora, ‘Galicia en Goles’ falará de motor no ‘Gas a Fondo’ e de olimpismo no ‘Galicia en París’, para chegar ao remate á medianoite.

O domingo, a edición matinal comeza ás 11.45 h co Valladolid Promesas-Rácing de Ferrol, desde o José Zorrilla, e o Coruxo-Arousa, en Fragoselo. O fútbol da RFEF tamén será protagonista pola tarde, desde as 15.00 h, co Deportivo-Calahorra e o Arenteiro-Pontevedra. Máis adiante chegará o fútbol da LFP co Huesca-Lugo, no Alcoraz. Desde as 23.00 h, rematada a xornada, xornalistas e técnicos de ‘Ao Contraataque’ visitarán o ‘Galicia en Goles’ para debater sobre os resultados dos equipos galegos.

Xa o luns, a Radio Galega programa unha edición especial de ‘Galicia en Goles’, coa retransmisión do Celta-Levante, desde Balaídos. A visita do pechacancelas xa non semella un trámite despois de que o equipo valenciano lle gañase o mércores ao Atlético de Madrid no Metropolitano. A partir das 23.00 h, os oíntes poderán escoitar as roldas de prensa dos adestradores e a análise dos especialistas, en ‘Ao Contraataque’.

Ademais de ‘Galicia en Goles’, a Radio Galega ofrece o sábado, ás 13.00 h, unha nova entrega de ‘Convivir Deportivo’. Desta volta, Alfonso Pardo volve ao palacio dos deportes de Riazor para darlle visibilidade ao proxecto Edukajudo. O programa contará coa participación de Alejandro Blanco, presidente do Comité Olímpico Español e expresidente da Real Federación Española de Judo e Deportes Asociados. Tamén participará o histórico xornalista coruñés Manolo Castelo, que desenvolveu o seu traballo durante máis de 30 anos en Radio Coruña.

Fuente Crtvg.es