Os grandes éxitos do verán, protagonistas esta noite no especial ‘Grandes Cachadas. O verán da miña vida’

0
15

Santiago, 01.08.2021.-   Os éxitos do verán serán protagonistas na divertida e festeira proposta que o programa ‘Grandes Cachadas’ fai para este domingo á noite. Co especial ‘O verán da miña vida’, o espazo da TVG poralle a banda sonora a estes meses de calor cunha variada selección musical asociada ás vacacións, á praia, ás festas…

A canción do verán é case un xénero musical, onde se atopan nomes imprescindibles. Neste programa, os espectadores escoitarán as cancións máis coñecidas de tres habituais dos chiringuitos e das verbenas: Georgie Dann (con éxitos como ‘El chiringuito’ e ‘La barbacoa’), King África (con temas como ‘Bomba’) e Henry Méndez (cantante dos éxitos ‘Rayos de sol’ e ‘El tiburón’).

Tamén estarán moi presentes as orquestras, imprescindibles en calquera celebración propia do verán. Desde as clásicas ás actuais, como a Panorama, a París de Noia ou El Combo Dominicano, que contan con lexións de fans e temas que xa se converteron en clásicos do verán, como ‘La cucaracha’, do Combo.

O programa, presentado por Esther Estévez, non esquecerá tampouco os temas clásicos do verán, con cancións que todos sabemos de memoria (‘Eva María se fue’, de Fórmula V e ‘Un rayo de sol’, de Los Diablos), moitas delas con coreografía propia (‘Mararena’, ‘Mayonesa’) e que nos acompañan desde hai anos ao longo das vacacións.

Tamén haberá cancións de temática de verán (‘Aquí no hay playa’, de The Refrescos), outras que triunfan sen falar de praia nin de vacacións (‘Opá, yo viaze un corrá’, de El Koala, ou ‘No rompas más’, de Coyote Dax) e moitas que xogan con dobres sentidos, inspirados nas calores propias destes meses (‘Quiero montarme en tu velero’, de La Fiesta).

Fuente Crtvg.es