Os López de Castro ven na detención de Raúl unha oportunidade para que volva ao rego e retome a súa relación con Mónica, esta noite en ‘Saudade de ti’

0
20

Santiago, 09.07.2023.-    No dobre capítulo de ‘Saudade de ti’ (22:40 h) que a TVG ofrecerá este domingo pola noite, os espectadores verán como, con Raúl no cárcere, Celia non está moi convencida de cal é a verdadeira natureza do home a quen lle decidiu entregar o seu corazón. Pola súa parte, os López de Castro ven na detención do seu fillo unha oportunidade para que este volva ao rego e retome a súa relación con Mónica.

Brais e Gaspar tratan de recompilar información sobre David para adiantarse aos seus movementos e evitar que Adela caia por completo nas súas redes. E se cadra ela non é a única enganada. De momento, Elba xa puxo fin á súa relación con el, pero os motivos da ruptura son un misterio.

Mentres tanto, Mauri ofrécelle a Santi unha solución para recuperar a custodia de Artai, pero o enfermeiro quere o mellor para o seu fillo e dubida sobre cal é a decisión correcta.

A continuación, na seguinte entrega da serie, Raúl ten que pagar unha fianza de 25.000 euros para saír de prisión. Gaspar sabe que non dispón deses cartos e quere aproveitar esta inesperada oportunidade para facer un lucrativo negocio. Pola súa parte, Celia ten claro quen lle podería deixar os cartos, pero teme que o encontro entre elas resulte moi desagradable logo dos últimos acontecementos vividos.

Mauri quere que Artai regrese a Abrente, pero o neno xa está coa súa familia en Valencia. Para superar a separación do seu fillo, Santi busca o apoio de Mónica. Os cambios hormonais provocados polo embarazo fan que ela empece a fantasiar co home dos seus soños.

Pola súa parte, Brais segue na procura de información sobre David, o fillo de Belén. El e mais seu pai están investigando o pasado do amante de Adela para protexer os intereses da familia, pero descubrir a verdade non é sinxelo.

Fuente Crtvg.es