Os máis novos da casa, xunto aos seus pais e avós, competirán en ‘Tal semente’, o novo concurso da Galega para os sábados e domingos ao mediodía

0
21

Santiago, 13.10.2023.-   A Televisión de Galicia estrea este sábado ‘Tal semente’, un novo concurso para os mediodías da fin de semana. Dirixido a toda a familia e baseado na dinámica de preguntas e respostas, é a versión xuvenil do popular programa ‘Coma un allo’. A novidade deste formato é que os máis novos da casa competirán en parella cos seus pais e avós.

A encargada de unir toda a familia diante do televisor, os sábados e domingos ás 13:30 h, será Esther Estévez, unha das presentadoras máis coñecidas da TVG, con presenza en distintos formatos de entretemento para a televisión e para as redes sociais. Estará acompañada pola mascota do programa, Sementiña, unha divertida voz en off coa que establecerá una relación moi divertida e que axudará a completar información dun xeito divertido e áxil.

Cada día competirán en ‘Tal semente’ tres parellas de concursantes, formadas por rapaces de entre 14 e 17 anos acompañados dos seus pais, avós, tíos ou padriños. Todas as preguntas do programa estarán adaptadas a un nivel escolar concreto, cos contidos que actualmente dan na clase, para que a rapazada repase as materias xogando desde a casa.

As probas do programa estruturaranse en tres bloques. No primeiro deles realizaranse baterías de preguntas para cada parella. O segundo será unha proba de velocidade e no terceiro competirán as dúas parellas que obtiveran máis puntos nos bloques anteriores. Os concursantes tamén terán que enfrontarse ao ‘Botacontas’, unha batería encadeada de 6 operacións matemáticas.

A última parte de ‘Tal semente’ será ‘Pilla o bote’ e nela xogará a parella que acadase máis puntos ao longo do programa. Consta dunha única pregunta de cultura xeral que deberán responder correctamente se queren levar o bote, que irá medrando programa a programa.

Cada grupo de concursantes competirá durante unha avaliación, que son seis programas. Ao rematar esa avaliación haberá unha especie de exame final e o que menos puntos consiga terá que abandonar o programa.

Fuente Crtvg.es