Os novos formatos creados polas autonómicas na corentena conquistan a audiencia

0
3

Santiago, 26.05.2020.- Un grande aumento de programas en directo, unha maior proximidade coa audiencia e a adaptación de programas e formatos existentes. Estes son algúns dos cambios que as radios e televisións públicas autonómicas, englobadas en FORTA, tiveron que realizar ante as novas necesidades de información e entretemento desencadeadas pola crise sanitaria da Covid-19.  

A difícil situación de incerteza e a empatía social sacaron o lado máis amable e humano da poboación, promovendo a necesidade de novos programas e formatos nesta liña. Un feito ao que as televisións e radios de FORTA souberon adaptarse en tempo récord. Agora as programacións son máis próximas, malia o distanciamento, e están especialmente comprometidas cos segmentos da poboación máis afectados polo coronavirus, como os maiores ou os nenos. Claros exemplos disto son programas como ‘La colla en casa’, de À Punt, dirixido ao público infantil e producido, en gran parte, por contido facilitado polos propios nenos, e que se complementa cunha newsletter e actividades educativas e de ocio; ou ‘Héroes anónimos’, da Televisión de Castilla-La Mancha (CMM), que rende homenaxe aos sanitarios e corpos e forzas de seguridade do Estado. Tamén ‘Primera línea’, de TV3, con testemuños de persoas que viven máis de preto a loita contra o coronavirus. 

Para promover o entretemento, as canles de FORTA readaptaron programas, como a Televisión de Galicia, que mantén alto o ánimo dos seus oíntes con programas de humor e música como ‘Land Rober Tunai Show’ ou ‘Luar’, aínda que sen público, no seu prime time dos xoves e o venres; ou o formato híbrido de slow TV ‘Ciutats en aïllament’, de À Punt, que amosa en tempo real as rúas baleiras das principais cidades valencianas. Outro caso de formato innovador é a serie ‘Jo també em quedo a casa’, de TV3, en que todos os personaxes se comunican entre eles utilizando exclusivamente as redes sociais. A mesma canle estreou a principios de abril ‘Concerts confinats’, un espazo que amosa a música que fan os artistas desde casa durante estes días de confinamento.  

Programas que chegaron para quedar 

Ante o éxito dalgúns programas e formatos creados ad hoc ou adaptados como consecuencia do coronavirus, hai canles que decidiron mantelos, polo momento, nas súas grellas.  Entre os programas que mellor acollida tiveron e que se manteñen atópanse os espazos dedicados ao deporte, á saúde e ao benestar. Este é o caso da televisión de Eivisa, IB3, co programa para facer deporte en casa ‘Tothom’. O mesmo ocorre con ‘Activos’, de Aragón TV, que en xuño dobrará a súa duración e incluirá seccións pensadas para mellorar a saúde e o benestar dos maiores, ou a sección de ximnasia na casa do programa ‘A revista’, da TVG. A canle galega tamén manterá unha semanas máis a proposta de cine semanal na súa web www.crtvg.gal, ‘Carteleira G’. E o espazo da Radio Galega sobre tecnoloxía ‘Lambóns dixitais’ seguirá tamén estando dispoñible en YouTube, tras a boa acollida do seu formato gravado por videochamada. 

En Radio Televisión Canaria (RTVC) mantense na grella ‘1 hora menos’ e estréanse dous novos formatos de recente creación, ‘El mundo que viene’, con entrevistas a actores da cultura e a creación, e ‘En el camino’, cun percorrido diferente polas paisaxes máis significativas das Canarias. E sobre natureza e meteoroloxía, e a súa influencia na vida das persoas, trata o programa ‘Esta es mi tierra’, que crece e pasa de ser unha sección no magazine de tarde de Aragón TV a converterse nun programa independente que amplía a súa duración. 

Radio Televisión de Andalucía (RTVA) manterá na súa programación programas tanto de televisión como de radio. ‘Los Live del Fiesta’, o programa de Canal Fiesta, continuará animando os andaluces grazas á súa música, recomendacións de series, libros e películas, e ás súas estrelas invitadas. Canal Sur, pola súa parte, puxo en marcha o concurso ‘Atrápame si puedes’, e manterá a misa dos domingos ás 9:30 horas, un espazo moi ben acollido polos espectadores. No caso de CMM, o contido xerado polos propios usuarios viuse incrementado notoriamente grazas ao impulso desde as súas plataformas dixitais, chegando así á televisión e á radio con ‘Edúcate en casa’, ‘Cuídate en casa’ ou ‘#MejorEnEquipo’.

……………………………………

#Coidémonos    #SairemosXuntosDisto

Fuente Crtvg.es