Para celebrar o Corpus, ‘Vaia Troula’ propón unha espectacular e divertida guerra de alfombras florais

0
21

A presentadora e as reporteiras do programa (22.40 h) pasarán por Ponteareas, Ares, Redondela, Bueu e Gondomar para ver cales son as mellores de Galicia, que serán galardoadas ao final nunha gran cerimonia de entrega de premios

Para celebrar o Corpus, 'Vaia Troula' propón unha espectacular e divertida guerra de alfombras florais

Santiago, 14.06.2023.-    ‘Vaia Troula’ ofrece esta noite un programa cargado de alegría, emoción e festa rachada. Para celebrar o Corpus, o espazo da Televisión de Galicia propón unha espectacular e divertida guerra de alfombras florais. A presentadora e as reporteiras do programa pasarán por Ponteareas, Ares, Redondela, Bueu e Gondomar para ver cales son as mellores alfombras de Galicia. Ao final do programa haberá unha cerimonia de entrega de premios que ninguén debería perder.
    
Deste xeito, a mestra de cerimonias, Noelia Rey, estará no Corpus de Ponteareas para defender, xunto aos veciños desta vila, as alfombras que forman parte dunha festa de Interese Turístico Internacional. Pola súa parte, a reporteira Noelia Salgado viaxará ata Ares para vivir a paixón coa que alí preparan as súas alfombras para o gran día do Corpus.
    
Adela Bértolo visitará o concello de Gondomar, onde, ademais de admirar as fermosas alfombras de flores, tamén poderá gozar co sabor das tradicionais rosquillas. E Amanda Fernández pasará pola vila de Bueu para compartir coa veciñanza o proceso de elaboración dunhas alfombras que tamén levan motivos mariñeiros.
    
A Festa da Coca de Redondela, en que as alfombras e a impresionante danza das Burras e das Penlas son o máis salientable, tamén formará parte do menú trouleiro do programa deste mércores. E, para que non falte a verbena e o polbo á feira, as reporteiras farán parada no Corpus de Arca, no concello do Pino.

Cales serán as mellores alfombras do Corpus de 2023? Quen levará os premios?Todas as respostas, no ‘Vaia Troula’ desta noite.

Fuente Crtvg.es