Para comezar o outono, ‘Vaia Troula’ propón este mércores unha apaixonante batalla de romarías clásicas

0
27

Santiago, 27.09.2023.-   Este mércores pola noite o ‘Vaia Troula’ propón unha apaixonante batalla de romarías clásicas para comezar o outono do mellor xeito posible. A mestra de cerimonias, Noelia Rey, estará no concello de Brión para compartir con todos os veciños o día de Santa Minia, nunha das romarías máis grandes do mes de setembro. Alí haberá devoción, música, polbo e, sobre todo, troula a esgalla.

Pola súa parte, a reporteira Amanda Fernández visitará A Guarda, onde, un ano máis, celebran a Romaría de Santa Trega nunha contorna incomparable. O lugar é ideal para gozar das tradicionais poxas de produtos da terra e do mar, ás que acoden centos de persoas.
    
Adela Bértolo pasará pola parroquia da Parte, no concello de Monforte de Lemos, coa intención de pasalo en grande na Romaría de San Mateo, que reúne os trouleiros e trouleiras de toda a contorna.

E Noelia Salgado será unha máis na espectacular Romaría da Saínza de Rairiz de Veiga. Tras a procesión dedicada á Virxe das Mercedes, chegará a gran batalla dos cristiáns e os mouros. E, para recuperar forzas, comida campestre e sesión vermú.
    
As cámaras do ‘Vaia Troula’ tamén estarán presentes na Festa das Dores de Brexo-Lema, en Cambre, na Exaltación da Zorza da Guarda e na Romaría da Saleta do concello ourensán de Boborás. E, para completar o menú trouleiro, as reporteiras tamén gozarán da Romaría de San Mateo de Trazo e da Festa do Polbo de Porto do Son.
    
O programa rematará cunha entrega de premios en que as trouleiras distinguirán as mellores celebracións desta incrible batalla das romarías clásicas.

Fuente Crtvg.es