Paula Prado, secretaria xeral do PP de Galicia: “É fundamental que o partido estea unido, ese é o gran selo da nosa identidade, a unidade»

0
17

Santiago de Compostela, 30.05.2022.-  O informativo ‘Bos días’ da TVG recibiu este luns a Paula Prado, elixida recentemente secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, e quen foi entrevistada arredor da actualidade política galega e da súa función dentro do PPdeG, no que é a primeira muller en chegar á Secretaría Xeral.

Prado sinalou que “como en todas as organizacións, e sobre todo nun partido político, os recursos humanos son fundamentais” e é fundamental “que as persoas se sintan escoitadas. Somos un partido grande, con agrupacións locais no rural e no urbano, e hai que atender a todas, por suposto con man esquerda e con firmeza cando haxa que tela”, xa que o PP é “un partido de goberno” e que ofrece á xente “estabilidade”. “É fundamental que o partido estea unido, ese é o gran selo da nosa identidade, a unidade», remarcou.

No que respecta ás listas do partido para as seguintes eleccións municipais, a secretaria xeral indicou que “nas grandes cidades temos pendentes os congresos locais, pero estarán pechadas antes do verán”. “É importante que a xente vexa que somos unha alternativa a gobernos locais que non están facendo nada nas grandes cidades”, denunciou, criticando en concreto que “o concello de Santiago non ten axenda propia”. Tamén recoñeceu que “é unha evidencia que Vigo se nos resiste porque o alcalde conseguiu lanzar unha mensaxe que calou na cidadanía contra a Xunta”. “É un falso vitimismo. Os cidadans póñense do lado da cidade e do alcalde, e é falso”. Sobre a posible candidata nesta cidade, Prado indicou que  “é evidente que Marta Fernández-Tapias acaba de gañar un congreso en Vigo e sería unha magnífica candidata”. Sobre o acontecido no 2013, cando renunciou á portavocía do PPdeG polo chamado caso Pokemon, a secretaria xeral e parlamentaria lamentou que o xuízo fora unha “inxustiza moi grande” e que “os xuízos mediáticos son prexudiciais”. “A xustiza ten que facerse nos xulgados”, dixo, en alusión ao amplo eco mediático do caso.

En relación coa oposición parlamentaria, Prado manifestou que “Ana Pontón quere converterse nunha política pragmática. Viu que tiña que pescar no caladeiro do centro esquerda e puxo o disfraz de moderada. Ela reina, pero non goberna no Bloque, quen goberna no Bloque é a UPG”. Sobre Valentín González Formoso, dixo que é unha persoa afable “pero tampouco ten un proxecto claro do que quere para Galicia ”, antes de rematar sinalando que os dous líderes son recibidos hoxe por Alfonso Rueda e que agarda que “que Pedro Sánchez reciba o presidente da Xunta de Galicia para poder trasladarlle as cuestión prioritarias para Galicia”.

Fuente Crtvg.es