Premio da Cultura Galega para a serie da TVG ‘O sabor das margaridas’, a primeira en galego incluída no catálogo de Netflix

0
4

Santiago, 27.11.2019.-   A serie da TVG ‘O sabor das margaridas’, a primeira ficción integramente en galego incluída no catálogo de Netflix, acaba de recibir o Premio da Cultura Galega no apartado audiovisual. Estes galardóns, concedidos pola Xunta de Galicia, recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos.

A trama desta serie de CTV para a TVG desenvólvese nunha pequena vila do interior de Galicia onde nunca pasa nada e que se ve sacudida pola desaparición dunha rapaza que traballa nunha gasolineira. A chegada dunha tenenta da sección xudicial da Garda Civil vulnera a calma cando se presenta no cuartel do Corpo e lles pide axuda aos seus compañeiros.

A evolución dos personaxes é un dos avais máis significativos de ‘O sabor das margaridas’. A estética e beleza das paraxes naturais galegas, as subtramas que debuxan paulatinamente o escenario final, os xiros de guión inesperados, a sinxeleza dos diálogos e o nivel de intriga que conserva ata o final manteñen o espectador pegado á pantalla.

Escrita por Ghaleb Jaber Martínez e dirixida por Miguel Conde, ten como protagonistas a María Mera, Tony Salgado, Miguel Insua e Ricardo de Barreiro e conta coa colaboración especial de Nerea Barros. Despois do seu éxito internacional, ‘O sabor das margaridas’ prepara xa a súa segunda temporada.
    
O filólogo e historiador da lingua galega Xesús Alonso Montero, a artista plástica Soledad Penalta, a compañía de teatro de obxectos Monicreques de Kukas, o cantautor Amancio Prada, a profesora de Lingua e Literatura Galega Pilar Ponte, a restauración do Pórtico da Gloria e o proxecto ‘Galego en Londres’ tamén foron galardoados na edición de 2019 dos Premios da Cultura Galega, cuxo ditame se coñeceu este mércores.

Fuente Crtvg.es