Programación especial na TVG para ofrecer o minuto a minuto da xornada electoral deste 28M

0
31

Santiago, 28.05.2023.-    A Televisión de Galicia informará este domingo, 28 de maio, do minuto a minuto da xornada electoral. As eleccións municipais poderán seguirse en directo a través dunha programación especial que dará conta dos avances de participación, da evolución do escrutinio e da análise dos resultados.

A TVG ofrecerá no serán un programa especial a partir das 19:50 h, presentado por Marta Darriba, Carlos Amado e Alberto Mancebo. Con eles, varios analistas debuxarán todas as claves dunha noite electoral que determinará a composición dos novos gobernos municipais para os próximos catro anos. O especial informativo amosará en tempo real o escrutinio de todos os concellos de Galicia, con atención especial ás urbes de maior poboación, así como os resultados das principais cidades e as comunidades autónomas do conxunto do Estado que se integran nesta cita coas urnas.

Ás 20:00 h, coincidindo co peche dos colexios electorais, darase a coñecer unha enquisa realizada pola empresa GAD3 para FORTA. A sondaxe, elaborada nos 26 días previos á xornada electoral, ofrecerá datos das sete principais cidades galegas (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol) e de catro comunidades autónomas (Madrid, Valencia, Aragón e Castela-A Mancha).

Fuente Crtvg.es