‘Que nos pille rebolando!’ chega á Galega para converter nunha festa cada tarde de sábado

0
7

Santiago, 05.06.2020.-  Coa estrea de ‘Que nos pille rebolando!’ (17.15 h), a Televisión de Galicia quere encher de diversión e festa cada tarde de sábado. Este novo magazine, presentado por Lucía Rodríguez e Adrián Díaz, estará en directo, durante dúas horas e media, para compartir ao vivo unha das grandes celebracións do noso país, gozar coa música e coa gastronomía galega e agasallar os espectadores con concursos, entre outros contidos.

Cada fin de semana, abordará desde o estudio un gran evento de actualidade e o lugar en que se celebraría se non houbese as limitacións pola Covid-19. A isto únese un punto de directo na localización principal do evento e conexións extra situadas noutros lugares e en eventos importantes da axenda de Galicia. Feiras, romarías, gastronomía, artesanía, tradicións, protagonistas… e, sobre todo, a mellor música e divertimento serán os principais ingredientes que farán de ‘Que nos pille rebolando!’ unha cita indispensable na programación familiar da fin de semana

Este novo magazine de entretemento realizarase desde un estudio con tres espazos diferenciados para entrevistas, actuacións e concursos, e un set exterior situado no epicentro da celebración protagonista de cada fin de semana. O estudio, con convidados famosos, mudará parte da súa decoración en función da festa homenaxeada. Por outra parte, a interacción cos espectadores será fundamental, contando cada sábado con sorteos de produtos de calidade e concursos de talento en que os galegos e galegas participarán a través das redes sociais e os seus teléfonos móbiles. O obxectivo de cada episodio será facer de cada programa unha festa!

Na estrea, romaría da Virxe da Franqueira

‘Que nos pille rebolando!’ trasládase este sábado ata o alto da Franqueira para celebrar a súa particular romaxe e romaría desta data tan senlleira en Galicia, acompañados polas actuacións de grupos de música tradicional da Cañiza. Outros contidos achegarán a Festa do Galo de Curral de Valga e desde a parroquia de Cordeiro descubrirase a curiosa orixe da súa famosa empanada de millo xigante da man do seu fundador.

No estudio contarase con diversos convidados e actuacións, entre eles, Tania Veiras coma madriña do primeiro programa, e Lito da Orquestra Panorama para presentar novo vídeo musical.

Este sábado estrearase, amais, a sección do Galeoke, un concurso que percorrerá os karaokes de Galicia e no que competirán 12 cantantes noveis desde as súas provincias para conseguir cantar en directo no estudio.

                                                          #Coidémonos

Fuente Crtvg.es