Sabela Ramil e Susana Seivane, dúas artistas que destacan pola súa contribución ao panorama musical do país, convidadas esta noite en ‘Bamboleo’

0
37

Santiago, 03.04.2021.-    A Televisión de Galicia emite esta noite unha nova edición de ‘Bamboleo’ (22.00 h). Xosé Manuel Piñeiro contará con dúas figuras destacadas no panorama musical galego: Sabela Ramil e Susana Seivane, dúas artistas que destacan polas súas creacións e a súa contribución ao panorama musical do país.

Así mesmo, visitará o estudio do ‘Bamboleo’ a emblemática orquestra Los Satélites, que traerá o mellor da verbena galega. Os colaboradores do programa, Claudio Pan, Tamara Pérez, Javi Varela e Damián Cortés, porán un extra de humor no programa, que contará ademais coas historias máis divertidas de Isi.

Sabela Ramil, participante e finalista dun famoso ‘talent’ musical, presentará o seu primeiro traballo discográfico: ‘Despedida’. Nel, a cantante das Pontes espreme a forza e a dozura da súa voz acompañándoa de gran variedade de sons.

Pola súa parte, Susana Seivane, unha das gaiteiras galegas con máis recoñecemento nacional e internacional, acaba de publicar ‘Dende o meu balcón’, un traballo que fixo durante o confinamento e que xa é o sexto disco de estudio. Susana interpretará no escenario de ‘Bamboleo’ un popurrí de temas tradicionais e unha versión nova de ‘Quinteiro’.

No ‘Agora ou Nunca’ estarán Iria Lorenzo e Pila Añón, que cantarán, respectivamente, os temas ‘Hijo de la luna’, na versión de Stravaganza, e ‘Chega de Saudade’, unha bossa nova de Tom Jobim. No ‘Dirtidansi’, a sección de baile profesional, Edu e Fátima, campións de baile deportivo en España, ofrecerán dúas exhibicións de baile.

En ‘A Jrileira’, o karaoke para entidades deportivas, participarán Telmo, polo Club Atletismo Narón, e Paquito, pola Sociedade Deportiva Monterroso, cantando ‘Ay, Jalisco, no te rajes’ e adiviñando intérpretes.

Finalmente, a ‘ITV do amor’ porá a proba a Iria e a súa parella, que farán todo o posible por conseguir despistar un participante do público para facerse co premio que hai en xogo.

Fuente Crtvg.es