Shaila Dúrcal, Roi Casal e Adrián Martín actúan no último ‘Luar’ deste mes de setembro

0
21

Santiago, 30.09.2022.-    O programa ‘Luar’ recibe este venres a visita da cantante Shaila Dúrcal. Herdeira dunha tradición musical por excelencia, sentiu a inquietude de introducirse no ámbito artístico desde moi pequena. Os éxitos da súa carreira, desenvolvida fundamentalmente en México, destacaron nos xéneros do pop contemporáneo e das rancheiras. Os espectadores escoitarán esta noite temas do seu último traballo.

Tamén estará hoxe no programa o cantante e compositor galego Roi Casal, que  continúa coa xira de ‘Son galego, son cubano’, en que contou coa colaboración de Xosé Neira Vilas como letrista para compoñer temas como ‘Pinar del río’ e outros que interpretará hoxe no escenario de ‘Luar’.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández recibirá a visita de Adrián Martín, o neno que hai uns anos emocionou a todos co seu talento vocal. A pesar da súa discapacidade, a súa paixón pola música converteuno nun fenómeno musical. Hoxe interpretará cancións do seu último álbum, ‘No me doy por vencido’.

Os espectadores tamén escoitarán esta noite a Rastreros, unha formación de Chantada, prototipo de grupo bravú, que se achegou ao punk e ao rock máis falcatrueiro gaita en man. A proposta musical desta noite complétase coas actuacións da orquestra Acordes, da Banda de Acordeóns e Gaitas de Meira e da agrupación A Ponte Vella.

Por outro lado, ‘Luar’ dará hoxe comezo á décimo terceira edición do certame ‘Recantos’, nesta ocasión coas intervencións de Moisés, procedente de Vigo, e de Paula Ferrer, representante da comarca Ourense Norte.

Ademais, o programa continúa co seu famoso concurso da chamada telefónica, que estrea nova mecánica. A partir de agora haberá tres caixas: unha cun xamón, outra con cartos (500 euros que se irán acumulando cada semana) e outra con nada. Darase un número de teléfono durante o programa e a persoa que chame terá que escoller unha das caixas.

Fuente Crtvg.es